Quen acuda ao patio do colexio deste colexio pode contemplar imaxes da ferruxe invadindo os servizos, das fochancas nas inmediacións ou dos efectos das inundacións que sofre o edificio por mor dun fenómeno atmosférico tan habitual en Compostela como é a chuvia. Esta mostra é unha das últimas iniciativas desenvolvidas pola asociación de nais e pais do Monte dos Postes para tentar chamar a atención sobre unha problemática que levan moito tempo denunciando e que, no caso do mantemento, é competencia exclusiva do Concello de Santiago.
A ANPA denuncia as pozas nos accesos, a ausencia de iluminación ou as inundacións, entre outras deficiencias"A finais do curso pasado reunímonos coa Consellería de Educación e a principios deste, coa concelleira [de Educación] para explicarlle as necesidades", explica Ignacio Louzao, vicepresidente da ANPA. Á administración local explicáronlle, por exemplo, o problema que supoñen "as fochancas" que ateigan "os accesos no interior do centro", un espazo "cheo de pozas no que os nenos meten os pés" sistematicamente, máis aínda "se chegan ás sete e media da mañá", ao programa de madrugadores, e teñen que acceder por un camiño "no que non hai iluminación" a causa da ausencia de farois, "co perigo que isto supón" pola presenza de coches.
Unha vez dentro do colexio a situación non mellora. "Os baños non se limpan durante todo o período lectivo" e, cando chove, o risco de inundación é continuo "porque os canalóns e as baixantes están sen limpar". "Temos case un prado no tellado", ironiza, xa que "de non limpalo nunca, alí están florecendo as prantas". Con todo isto sobre a mesa "polo que sabemos, a concelleira visitou as instalacións, pero non nos avisou". "E aí quedou toda a actuación".
"A concelleira visitou as instalacións sen avisarnos e aí quedou toda a actuación"No caso da Xunta a demanda fundamental é "a construción de catro aulas de infantil", un proxecto "xa redactado" que implica dotar o centro "de accesibilidade para persoas con discapacidade", xa que "non ten ramplas, ningún baño homologado nin acceso aos andares superiores". Esta obra "tamén implicaría que puidésemos aumentar a capacidade do comedor", un servizo que empregan uns 160 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que teñen que xantar "ata en tres quendas".
"Non lle podo explicar a un neno de 3 anos que ten que mollar os pés porque non hai orzamentos"Diante deste panorama, a única resposta económica que recibiu a ANPA ata o momento foi un orzamento duns 360.000 euros por parte da Consellería, "unha partida bastante pequena para un centro de 450 alumnos" que o BNG emendou durante o trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2014 e que, polo momento, o PP non prevé ampliar. No caso do Concello de Santiago, a carencia de cartos é a única resposta. Pero "eu non podo explicarlle a un neno de 3 anos que ten que mollar os pés porque non hai orzamentos", aínda máis "cando sabemos que para o ensino concertado e privado si que os hai".
Ningún comentario:
Publicar un comentario