Claudia García González (2º Bach) o ano pasado cursou estudos en Wyoming
(EE.UUU) grazas a unha beca da fundación Barrié. Por iso enviounos esta
imaxe con fotos do primeiro rodeo ao que asistiu e outra foto sacada no
último piso do Empire Sate Building na súa visita a Nova York.
Ademais enviounos este 'porque me peta' cargado de razón e que subscribimos ata a última coma:
Alguén cre aínda ese conto da igualdade
lingüística? Un ensino plurilingüe, dicíase. Un ensino plurilingüe no
cal, a nosa lingua, o galego é a única lingua da que, de acordo co noso
goberno, podemos prescindir. O artigo 18 do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario
fala sobre a exención da calificación nas probas de lingua galega, así
como dos requisitos a cumprir para optar a esa exención; porén, non fun
quen de atopar ningún artigo que recóllese o noso dereito á exención de
ningunha das outras linguas que, polo menos teoricamente, comparten o
carácter obrigatorio coa lingua galega.
O que máis me desagrada desta situación non é
o feito de que alguén poida escoller non ser avaliado nos seus
coñecementos de galego, para min o peor é que esas exencións non son
outorgadas en base a posuir coñecementos suficientes dunha lingua como
para non precisar estudala no instituto, senón máis ben de acordo coa
decisión dun alumno de non aprender esa lingua. No meu caso particular,
pasar un ano estudando nos Estados Unidos facíame candidata á exención
do estudo da lingua galega, pero non da española, lingua que non cursei
tampouco o curso pasado, nin da inglesa, lingua na que as miñas
competencias deberían ser suficientes para superar este ano académico
sen dificultade. Coñezo a varias persoas na miña situación que optaron
por estar exentos da asignatura de galego co fin de ter un tempo extra
para adicarlle a outras asignaturas este curso, o cal non parece un
motivo o suficientemente válido, xa que ese tempo tamén podería ser
aproveitado por outros alumnos que non cursaron ningún ano no
estranxeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario