O presidente da RAG di que a lei de Educación é unha norma que considera "infame".
"Wert paréceme o caradura máis grande que deu Europa dende o século XIV ou máis ben dende o XIII". O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, mostrábase así de crítico coa xestión do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e, en concreto coa nova reforma do ensino a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), unha norma que considera "infame"."Xa a supresión de Educación para a cidadanía me parece un atentado á intelixencia humana", sinalou Alonso Montero nunha entrevista na Radio Galega na que critica ademais a presenza que terá a materia de Relixión, tanto como académico como cidadán. Ante esta situación avanzou que a Academia, a raíz dunha proposta de Manuel Rivas no último plenario, está a estudar un pronunciamento que fará "moi en breve" sobre a chamada 'Lei Wert' e que será "un texto moi articulado" que incluirá referencias técnicas a algúns fragmentos da norma "que afectan ao porvir" da lingua galega.
Tras sete meses ocupando a presidencia da institución, Alonso Montero ratificou a "normalidade esperable" no traballo diario da academia, que "vai" mellor do que ía" tras a situación "estritamente anómala" producida tras a dimisión do seu antecesor, Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste sentido, asegurou que a RAG ten en conta as opinións dos académicos e que "todos están comprometidos", a pesar de que houbo "algunhas persoas" que non estaban totalmente de acordo cos criterios do seu programa.
Deste modo rexeitou que a RAG este paralizada e considerou que as opinións de Ferrín ao respecto non foron "ben recollidas", dado que non cre que sexa "tan arbitrario" para "facer unha afirmación" dese tipo. Tamén avanzou, ademais, que están a traballar nun manifesto conxunto coas súas homólogas vasca e catalá, que presentarán en Madrid, no que trasladarán á opinión pública cuales son os seus "problemas", recordado que "para cumprir obxectivos" a RAG necesita "recursos económicos", aínda que dende o Estado non son proclives" a "satisfacer" as súas "necesidades". Para colaborar cos recursos económicos da Academia confirmou que "dende o primeiro día" se despraza en tren para trasladarse á Coruña, o que segundo os seus cálculos supón un aforro de máis de 12.000 euros á RAG, na que "ninguén" do pleno gaña nada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario