Unha nova confederación de anpas preséntase este martes tras a unión de oito federacións municipais ou comarcaisA nova Confederación de Anpas presentase este martes en Compostela e xorde dunha “decisión de traballo conxunto” de varias federacións de anpas que levan anos artellando estratexias e respostas comúns ao ataque que sofre o ensino público en Galicia. Son as federacións de Cangas, Compostela, Costa da Morte, Ferrol, Ponteareas, Val Miñor, Vigo e a provincial de Lugo as que logo de tempo de colaboración decidiron unir as súas forzas á marxe da Confapa e “dar o salto inevitable para ter unha voz única”, segundo aclara o seu vicepresidente e presidente das anpas de Santiago, Fernando Lacaci.
O rexeitamento á aprobación da nova lei educativa estatal, a Lomce, e o traballo conxunto de hai anos foi o que levou estas oito federacións a confederarse, o que implica tamén que desde agora existan dúas voces diferentes das anpas galegas na defensa do ensino público. Unha situación que, en palabras de Lacaci, supón “unha duplicación” de esforzos, pero “non unha división, nin moito menos”. “Antes había unha confederación de anpas e agora hai dúas, nada máis”, insiste.
"Supón unha duplicación, pero para nada é unha división; non nacemos por oposición a ninguén", din desde a nova Confederación de Anpas“Non nacemos por oposición a ninguén, senón porque nos parece que hai un espazo no que ningúen estaba actuando”, explica o vicepresidente da nova confederación, que ve no “esquema provincial” no que está organizada Confapa-Galicia unha das claves que explican a creación desta nova entidade. “Pensamos que en Galicia as agrupacións debémonos artellar en espazos onde nos sintamos cómodos; mentres a Confapa se basea nunha organización provincial, nós organizámonos de forma comarcal, municipal ou incluso tamén provincial no caso de Lugo, pero sen rixidez e adaptándonos ás necesidades de cada ámbito”, explica Lacaci, que lembra que nesta nova organización xúntanse federacións amplas pero unidas que abranguen moitos concellos, como no caso da Costa da Morte, pero tamén de ámbitos máis reducidos como Vigo, Ferrol ou Ponteareas. Fontes desta nova confederación insisten en non sementar polémica e en aclarar que nacen para "unha mellor operatividade" tras comprobar durante anos as dificultades que unha estrutura "pechada e moi xerárquica" lles poñía. "Construímonos de abaixo cara a arriba", insisten as mesmas fontes.
“A nosa consideración é que a provincia é unha división errónea, que non identifica a ninguén máis que a nivel de código postal; as decisións educativas débense tomar integramente en Galicia”, engade Fernando Lacaci, que advirte desta principal “diferenza operativa”, pero tamén doutra gran diferenza que provoca esta duplicidade na defensa do ensino público desde as asociacións de pais e nais do país.
Confapa-Galicia -que até o de agora agrupaba as federacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e unhas 730 anpas asociadas en representación de máis de 50.000 familias- forma parte da Ceapa estatal (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos), onde conta cun vogal en representación da comunidade autónoma na xunta directiva. A nova confederación defende unha organización pensada e organizada exclusivamente desde e para Galicia, o que non significa que a Confapa non defenda o ensino público galego. “Está claro que esa é a súa e a nosa preocupación”, aclara.
A creación dunha nova confederación reproduce a división nas dúas plataformas en defensa do ensino públicoHelena Gómez, presidenta de Confapa-Galicia, considera que esta duplicidade de confederacións vén derivada da adscrición dunhas ou outras federacións ás dúas plataformas xurdidas contra os recortes na ensinanza pública. "Eles teñen como referente a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e nós a outra plataforma, porque nos consideramos apartidarios; nunha non hai partidos, senón representantes dos traballadores, dos pais e movementos de renovación pedagóxica; e na outra un partido, e dáme igual cal sexa o partido", explica. "Eles cren que a Confapa depende de Madrid pero non é así; estamos moi orgullosos de formar parte de Ceapa e da marea verde, pero eles teñen máis acoutado o territorio", engade, aínda que desde a nova organización aseguran que a simplificación non é así de sinxela e mesmo aclaran que en federacións das que agora se integran hai dirixentes de variadas correntes políticas, incluído o sindicalismo estatal.
No entanto, desde a nova agrupación cren que “as decisións educativas se deben tomar integramente en Galicia”. “A educación que se dea en Galicia debe estar pensada, organizada, dirixida e institucionalizada aquí, para a xente que aspira a educarse e vivir aquí e, en definitiva, para aqueles aos que lles interesa máis o que é un carballo que o que é unha encina”, asegura Lacaci.
A Confapa cre que "a educación é un tema demasiado importante como para restrinxilo a Galicia"“O noso e máis importante sinal de identidade é sermos galegos porque entendemos que a educación en Galicia débese traballar para Galicia e desde Galicia, tanto dende o ámbito xeográfico como no cultural; entendemos que as competencias educativas deberían estar todas aquí e, aínda que xa temos moitas, estamos en desacordo coa postura da Xunta, que só nos considera como unha sucursal de Madrid”, remata Lacaci.
Helena Gómez asegura, no entanto, que "as leis veñen de onde veñen". "Temos que pedirlle responsabilidades á Xunta, pero tamén a Madrid. A nosa visión é internacionalista porque por iso estamos tamén na confederación europea", retruca. "A educación é un tema demasiado amplo e importante como para restrinxilo a Galicia", insiste.
Malia todo, tanto unha como outra confederación de anpas insisten en que "non hai problemas" entre as dúas organizacións e insisten en que ambas "traballan na defensa do ensino público en Galicia", aínda que baseados "en diferentes maneiras de entender a educación e o mundo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario