Un nutrido número de persoas, estudantes na súa maioría, recibiron Jesús Vázquez ás portas do CEIP Raquel Camacho, na Coruña, para lle deixar claro o seu rexeitamento aos orzamentos de 2014 que avanzan no desmantelamento do ensino público.
Até o patio onde as crianzas xogan no recreo sufriu, literalmente, os recortes que o PP practica no ensino público. Porén, o conselleiro de Educación tiña prevista para esta quinta feira unha visita ás instalacións deste centro, o CEIP Raquel Camacho, na Coruña, para "comprobar o funcionamento da aula dixital", di a nota de imprensa enviada pola Xunta, que a define como "un laboratorio de idiomas".O que non aparece na información facilitada desde o departamento que dirixe Jesús Vázquez son os apupos con que un nutrido grupo de persoas, estudantes na súa maioría, o recibiron ás portas da escola. "A Xunta de Galiza recorta e privatiza", berraron namentres eran suxeitad@s pola policía española e namentres o carro oficial do concelleiro entraba pola cancela.
"A que vén?", pregunta Alba Castanedo, dos Comités, de maneira retórica. "Parécenos unha mofa tanto ao estudantado como ao profesorado que se pasee polos centros de ensino para facer propaganda barata e que encima haxa que lle pór boa cara cando as súas políticas están a acabar con eses mesmos centros", denuncia a estudante. Canda os Comités tamén integrantes de Galiza Nova e da CIG fixeron parte dunha acción de protesta á cal se uniron por volta de 20 alumn@s do instituto Agra do Orzán, situado en fronte do CEIP e que se atopaban no recreo cando Vázquez chegou.
Os recortes do PP da Coruña
"É moi importante" que es@s 20 estudantes cruzaran a rúa para se revolveren contra as medidas do PP "porque é a xente nova a que ten que tomar conciencia do que está a acontecer co ensino público". A este centro "quitáronlle o comedor escolar" e non hai ningún comedor nos institutos da cidade, polo que o incremento nas bolsas que para este servizo fixo o Concello (PP) só beneficiou os centros privados e concertados de bacharelato e FP.
Non foi o único que lle quitaron ao centro, pois o alcalde, Carlos Negreira, decidiu 'encoller' o patio para erguer nel a escola infantil que o goberno municipal anterior deixara proxectada no edificio multiusos do parque de Agra, edificio que Negreira non quixo construír.
Ningún comentario:
Publicar un comentario