A Consellería de Educación pide que sexan válidos os certificados en galego de alumnos que pediron bolsa ao Goberno central. A Mesa pídelle as tres universidades galegas que "tomen cartas no caso" da estudante discriminada.
A Consellería de Educación da Xunta quere o galego sexa considerado "igual que o español"
á hora da reclamación de títulos ou certificados de estudos. Por iso,
dirixiuse por carta ao Ministerio de Economía para que considere válidos
os certificados de estudos que varios alumnos enviaron en lingua galega
para solicitar unha bolsa, aínda que tamén pediu ás universidades que
fagan estes certificados nas dúas linguas.
O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, insistiu en que o seu
obxectivo é que o Ministerio acepte os certificados en galego, de forma
que esta lingua sexa considerada "igual que é considerado o castelán,
porque estamos a falar de linguas cooficiais".
Hai uns días, o Ministerio de Economía rexeitou darlle bolsas
predoutoral a estudantes porque os certificados que presentara estaban
en galego. "O interese da propia Comunidade é o recoñecemento como lingua cooficial do galego", subliñou este martes Vázquez Abad.
"Hai que buscar unha alternativa e ofrecemos, no caso de que a dificultade é que non existan medios en Madrid para a tradución,
que nós nos pomos á súa disposición en prol dos intereses dos galegos",
dixo. "Pero sempre dunha maneira dialogada e por suposto de actuar coa
maior rapidez", dixo.
"Carácter bilingüe"
En todo caso, apostou, finalmente, porque os certificados de estudos que saían de Galicia "estean xa emitidos polas propias universidades públicas cun carácter bilingüe"
Por outra banda, o portavoz da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, enviou unha misiva aos reitores
das tres universidades galegas para que tomen cartas no caso do
rexeitamento dos candidatos a contratos predoutorais que entregaron un
documento en galego.
O representante da entidade solicítalle aos reitores que tomen “as medidas precisas para garantir a igualdade de oportunidades dos estudantes
formados nas nosas universidades” e que reclamen ao Ministerio de
Economía “que cumpra coa Lei e volva a admitir todas as persoas que
entregaron documentación no noso idioma”.
"Actitude fóbica contra o galego"
“Trátase dunha discriminación gravísima e inadmisíbel;
dun desprezo consciente ás nosas universidades, ás nosas institucións e
á nosa lingua”, afirmou Callón que criticou “a actitude fóbica do
Goberno español contra o galego".
Ningún comentario:
Publicar un comentario