Pide que sexan "inmediatamente admitidas" as solicitudes e considera que o Ministerio de Economía "despreza" este idioma. Tamén a Mesa reclama ao Goberno central que dea marcha atrás nesta decisión.
A Real Academia Galega (RAG) acaba de emitir un duro
comunicado contra o Goberno central e, nomeadamente, contra o Ministerio
de Economía por ter rexeitado, nunha convocatoria recente, solicitudes
de bolsas de estudo co argumento de que algún dos certificados que
acompañan esas solicitudes están expedidos en lingua galega.
"É un claro caso de discriminación contra o idioma galego,
ou máis precisamente, contra as persoas que o empregan", apunta nun
comunicado no que lembra que, con anterioridade, diversos organismos e
institucións do Estado aceptaron o uso das linguas cooficiais en
distintos tipos de documentos administrativos. Ademais, na convocatoria
presente estipúlase que a documentación pode ser presentada en inglés,
lingua que carece de estatuto de oficialidade en España.
E por que o inglés?
"Resulta abraiante que en declaracións públicas de fontes do propio
Ministerio se xustifique o atropelo alegando que o inglés é o idioma da
ciencia -como se a preferencia por este idioma na comunicación
científica fose política do propio Goberno español-, e parece intolerable que cualifique como “residual” o número de persoas que viron rexeitada a súa solicitude por presentaren documentación en linguas diferentes ao castelán e o inglés", engade.
Neste sentido, acusa ao Ministerio de Economía de "desprezar" aos galegos e "menospreciar" o seu idioma.
"Cun mínimo de boa vontade, por parte do Goberno de España, a
resolución deste problema e outros semellantes é sinxela e obvia: que
sexan automaticamente recoñecidos como legais a todos os efectos os
certificados expedidos nas linguas cooficiais sempre que se ateñan a
formularios normalizados, legalmente establecidos e aprobados", apuntou.
Por iso, reclama que sexan "inmediatamente admitidas" as devanditas solicitudes
e que coa maior dilixencia o Goberno de España, de acordo coa Xunta de
Galicia, tome as medidas oportunas para garantir a validez oficial dos
certificados expedidos en galego e "impedir así novos casos de flagrante
discriminación lingüística".
Tamén a Mesa
Precisamente, a mesma petición foi feita este mércores pola Mesa pola Normalización Lingüística, que lle reclamou á Xunta e ao Goberno español unha “acción política decidida” para que se “readmitan as candidaturas rexeitadas por teren un documento en galego, catalán ou vasco”.
O presidente desta asociación, Carlos Callón, observa que “é unha
decisión que lle compete ao Ministerio de Economía, mais ante a cal o
Goberno galego non pode limitarse a se ofrecer como axencia de
tradución, pois todo o mundo sabe que non se trata dun problema de
incomprensión, senón dun problema ideolóxico (de
intolerancia cara á diversidade cultural do Estado) e dun problema legal
(de recoñecemento da validez oficial doutros idiomas alén do
castelán)”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario