Os estranxeiros residentes en España cren que na súa adaptación ten que involucrarse toda a sociedade.
Un estudo analiza as claves da integración a través da mirada dos estranxeiros sobre a súa vida no país e as súas aspiracións de futuro.
A maioría dos inmigrantes, o 42% dos enquisados, leva máis de seis anos en España e o 34% entre un e cinco anos. E a intención, no 57% dos casos, é quedarse definitivamente a traballar e vivir aquí, mentres que só un 31% pensa en aforrar para logo volver ao seu país de orixe, sobre todo entre o colectivo dos romaneses. Unha vontade de arraigarse que permanece a pesar da crise e do desemprego que afecta á poboación inmigrante nunha porcentaxe aínda máis alta (máis do 36%) respecto á media nacional. De feito o paro é para o 60% deles o principal obstáculo para integrarse, antes que o idioma autonómico (45%) e o idioma español (43%). Unha integración na que -e é este un dos datos máis destacados do informe- para o 78,3% ten que participar toda a sociedade (só un 12% cre que é responsabilidade das persoas e das institucións españolas). Das opinións expresadas polos inmigrantes sobresae a idea dunha responsabilidade compartida, na que tamén se teña en conta a achega cultural, económica e demográfica dos estranxeiros ao país, que a gran maioría considera positiva.
O informe da Fundación SM destaca tamén o elevado grao de confianza que os inmigrantes mostran cara ás institucións e entidades do país de acollida, e que os investigadores consideran como un indicador de satisfacción/integración. A institución que mellor valoración ten é o sistema do ensino, seguido polo sistema de seguridade social, as organizacións de voluntariado e o concello. A pouca distancia están a policía e a administración da xustiza. Un dato que vai emparellado co que revela que a maioría está bastante satisfeita co funcionamento dos servizos públicos, sobre todo a sanidade, a educación e os servizos sociais. Os máis utilizados son os sanitarios, co 52% que declara ter acudido a eles nos últimos tres meses. Utilízanos sobre todo cando chegan nos primeiros meses e descende a medida que se estabilizan. É unha poboación máis nova [a maioría ten entre 25 e 49 anos] e non utiliza servizos como dependencia ou atención domiciliaria", subliña Gutiérrez Resa.
Os estranxeiros en datos
- O 19% dos inmigrantes son romaneses, o 18,8 marroquís, o 9,4 ecuatorianos. Seguen subsaharianos (6,3), colombianos (6,1) e bolivianos (9,4). Teñen entre 25 e 49 anos e residen sobre todo en Madrid (33,7%) e Barcelona (21,4);- O 44% concluíu estudos secundarios, o 11,2 rematou estudos universitarios medios e un 8,4 estudos universitarios superiores;
- A case totalidade (99,1%) fala español e o 93,4 escríbeo;
- A maioría leva máis de seis anos no país e o 57% teñen intención de quedar;
- O 77,6% vive en réxime de aluguer e a maioría dos gastos son destinados á casa e á familia;
- O 42,3% declárase católico e o 45% crentes doutras relixións (25% musulmáns e 16,7 ortodoxos).
Pero no seu esforzo para adaptarse á sociedade de acollida, os inmigrantes queren salvagardar as súas orixes. O 50,1% mantén as tradicións civís cando pode e o 41,9 mantén sempre as tradicións relixiosas (o 42,3% son católicos, o 25% musulmáns e o 16,7% ortodoxos). Nunha lista de frases sobre o argumento, o 64,4% elixiu "poder manter os costumes que non entren en conflito coas leis españolas". "Conservan as súas tradicións pero non significa que non se integren. Intégranse pero conservando parte da súa identidade", subliña o coautor do estudo. "Hai matices que é importante que os españois entendan cando moitos din 'sentiranse máis marroquís ou romaneses que españois'. Temos que cambiar o chip e entender que a integración non implica un perda da identidade de orixe, algo que sería totalmente equivocado", engade.
Boa é a opinión dos inmigrantes respecto ao trato que reciben dos concidadáns españois: para o 66% é "amable ou de confianza" e o 40,4% mantén relacións con xente do seu país ao igual e españois por igual. A mesma satisfacción non se encontra á hora de falar dos políticos: o 56,4% cre que a clase política lles trata peor que aos nacionais e o 58,1% está pouco ou nada satisfeito co funcionamento da política en España. Tamén se senten discriminados en canto á situación laboral, xa que o 52% cre que as súas condicións son algo peores que a dos españois.
A pesar dos moitos matices que o estudo detalla, con respecto ás expectativas coa que chegaron ao país, a maioría (42,3%) declara que se cumpriron bastante, case completamente ou completamente e só un 13,1% que o fixeron pouco ou nada. E o 88% encóntrase satisfeito coas súas relacións cos demais. Datos positivos que, non obstante, segundo os autores dos estudos, poden cambiar no futuro sobre todo debido ás moitas transformacións que a crise está a causar no país. "Hai unha razoable satisfacción en canto ás condicións de vida pero as cousas están a cambiar e poden cambiar e os que teñen a responsabilidade política teñen" que "actuar", conclúe Gutiérrez Resa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario