Anpas Galegas está formada polas federacións de Cangas, Bueu, Compostela, Costa da Morte, Ferrolterra, Ponteareas, Vigo, Lugo e o Val Miñor. Na súa presentación pública deixaron claro que "non somos a confederación de ningunha plataforma", rexeitando as críticas realizadas desde algúns medios de comunicación.
Após unha experiencia de traballo conxunto que nalgúns casos como o das de Vigo e Ferrolterra se prolonga xa 15 anos, nove federacións de anpas da Galiza xúntanse agora para "pór os problemas das familias riba da mesa dos despachos" e preséntanse en sociedade deixando claro que "nós non somos a confederación de ningunha plataforma".Así de taxativa se mostrou Bertila Fernández, voceira das nais e pais de Vigo e tesoureira da recentemente creada confederación Anpas Galegas para rexeitar a dependencia da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, sinalada estes días por algúns medios de comunicación ao coñecer o nacemento desta nova confederación, fronte á Confapa.
Ao igual que os seus compañeiros de mesa, Fernández destacou que entre as nais e pais que fan parte de cada anpa hai diferentes afinidades tanto políticas como sindicais "e hai federacións que non están en ningunha plataforma". Javier Sánchez, voceiro das anpas de Ferrolterra e presidente deste novo colectivo, subliñou que "non somos unha escisión" da Confapa "e non existe ningún problema" con esoutra confederación embora "quen potencie a concertada respeito da pública non poida estar con nós".
"Defendemos o ensino público mais non calquera ensino público"
A LOMCE, o decreto que impón o repagamento dos comedores escolares, a normativa sobre transporte escolar e a abolición da gratuidade dos libros de texto son os catro puntos que identificaron como prioritarios á hora de comezar a traballar "a nível galego", pois os problemas puntuais de cada comarca seguirán a ser solventados pola correspondente federación. "Defendemos o ensino público mais non calquera ensino público", proclamou Javier Sánchez, destacando o carácter laico, universal, gratuito, "economicamente privilexiado" e inclusivo que reclaman.
Aliás, explicou que as Anpas Galegas rexeitan a LOMCE "e calquera outra lei educativa que non estea consensuada". Non aceptan tampouco o incremento do número de estudantes por aula, propoñen reducir "o tempo dos nenos no transporte escolar aproximándoo máis aos domicilios" e exixen que a gratuidade non se aplique unicamente aos libros de texto senón "a todo o material escolar necesario" e que os comedores escolares os xestione "integramente" a Xunta.
"Vimos sen présa e desde abaixo"
Fernando Lacaci, voceiro das anpas de Compostela e vicepresidente desta confederación, destacou os "pasos positivos" que se foron dando a nível comarcal coa incidencia das distintas federacións. Porén, "non avanzabamos a nível galego". Foi por iso polo que decidiron agruparse neste colectivo que "non vén da man de ningunha sigla porque entendemos que os coles non son nin do PP nin do BNG nin do PSOE, senón das familias".
"Vimos sen présa e desde abaixo", apuntou Froilán Pallín, voceiro das anpas de Lugo e secretario das Anpas Galegas. Explicou que foi cada anpa a que votou para decidir se a federación da cal fai parte se integraba ou non na nova confederación e concluíu sentenzando que "facemos política, si; política educativa".
Ningún comentario:
Publicar un comentario