A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou este venres que o
Ministerio de Economía negou unha bolsa predoutoral a unha estudante "co
argumento de que non entendían o certificado de estudos en galego".
Deste modo, o presidente da Mesa, Carlos Callón, censurou que "é
evidente que un documento así " redactado en galego "é perfectamente
comprensible para calquera persoa alfabetizada nunha lingua tan próxima
como o español", xa que "hai un texto moi escaso" con nomes das
materias" ou "cifras". De feito, afirmou que coñecen "casos de xente que
presentou documentación en galego en países como Arxentina ou México e
que non lles solicitaron ningunha tradución". Ademais, A Mesa critica
que na resposta do ministerio se apunta que atopan "defectos" porque o
texto "non está redactado en español ou inglés".
A Mesa remarca
que toda a lexislación e xurisprudencia recoñece a validez da
documentación redactada en galego e o dereito da cidadanía a non ser
discriminada por razón de lingua.
A alumna presentou unha
alegación indicando que o galego é unha lingua oficial, e que segundo a
lexislación aplicable é a propia Administración quen se debe encargar de
traducir os documentos dun expediente redactados nunha lingua cooficial
distinta do castelán cando teñan que producir efectos fóra do seu
territorio, como estabelece o artigo 36 da Lei 30/1992 de réxime
xurídico das administración pública e do procedemento administrativo
común e mais a disposición adicional sexta da Lei 11/2007 de acceso
electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Porén esta alegación non
foi atendida e a alumna ficou excluída do proceso.
Máis información en Galicia Hoxe e no web de A Mesa pola Normalización Lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario