martes, 3 de decembro de 2013

A 'lei Wert' abre a porta a que volvan os concertos aos centros que segregan

Andalucía recorrerá a norma e buscará fórmulas para "interromper a súa aplicación".

Entre os efectos inmediatos que terá a recén aprobada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) está a porta que o Goberno central lle abriu aos colexios e institutos que rexeitan o ensino mixto para que poidan recuperar o financiamento público. A Xunta de Andalucía bloqueou este curso parte dos concertos a 12 centros que apostan pola educación segregada ou diferenciada. A consellaría fíxoo aplicando varias sentenzas do Tribunal Supremo que lles permitía suprimir os fondos públicos.
A norma elaborada polo departamento do Ministro de Educación, José Ignacio Wert, blinda agora o financiamento deste tipo de ensino. Pero había dúbidas sobre se os centros afectados -hai outros cinco máis en Galicia- debían esperar ata 2017 para recuperar as subvencións. Os concertos educativos renóvanse cada catro anos de forma xeral e ese proceso realizouse este 2013.
Durante a tramitación da reforma educativa no Senado, o PP incluíu unha emenda de UPN na que ofrece aos centros afectados un prazo de dous meses para solicitar que se lle devolvan os concertos retirados para os próximos tres cursos. Ese prazo de dous meses empeza a contar a partir da entrada en vigor da lei, é dicir, cando se publique no Boletín Oficial do Estado.
Polo tanto, os colexios e institutos poderán, en teoría, volver recuperar os concertos o próximo curso. Non obstante, cando hai unhas semanas transcendeu esta emenda, a Consellaría de Educación asegurou que a súa intención é impedir que os colexios que rexeitan a coeducación sexan financiados pola Administración. Este asunto encamíñase de novo cara aos tribunais, onde os titulares dos centros contarán coa LOMCE como principal argumento.
O conselleiro de Educación, Cultura e Deporte da Xunta de Andalucía, Luciano Alonso, confirmou este venres o que a Xunta vén repetindo dende hai meses: a comunidade recorrerá a lei ante o Tribunal Constitucional ao entender que "se invaden competencias".
Pero este recurso non será o único que faga a consellaría en contra da LOMCE, que se aprobou cun rexeitamento importante da comunidade educativa. O conselleiro sostén que a intención do seu departamento é aplicar todas as medidas posibles "para interromper a aplicación da LOMCE en Andalucía", informa Efe.
Segundo Alonso, Andalucía non quere perder os "conceptos de igualdade e equidade". Asegura que "o seguinte paso á calidade debe ser a igualdade". O conselleiro destaca, por exemplo, que "ningún organismo internacional recomenda que en idades temperás se rompa o itinerario educativo", algo que na súa opinión fai a LOMCE ao obrigar "a irse á Formación Profesional Básica a aqueles que non aproben". Alonso tamén recordou que o apoio que lle deu a Andalucía o Supremo para retirar os concertos aos centros que non son mixtos.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario