Xa é un feito, a mal chamada “Lei Orgánica de Mellora da Calidade
Educativa” (LOMCE) ficou aprobada no Congreso dos Deputados cos votos en
solitario do Partido Popular. Denunciamos unha vez máis esta contra reforma educativa, xa que
continúa a profundizar na privatización e españolización da nosa
educación. Por unha banda, e como di o propio ministro Wert, queren
españolizar ao estudantado, continuando coas políticas anti-galegas da
Xunta e deixando a nosa lingua cun valor residual, negándonos así o
dereito a estudarmos na nosa lingua e financiando o dereito de recibir a
educación integramente en español con cartos públicos. Cabe destacar
tamén a negación nesta reforma da realidade plurinacional do estado. Por
outra banda seguen a desmantelar o dereito a un ensino público e de
calidade, precarizando cada vez máis este servizo con despidos de
profesorado, reducción de presupostos, aumentos de requisitos no dereito
ás bolsas, menos democracia nos centros de ensino, etc. E cal é a
pretensión disto? Pois está claro, queren expulsar ás fillas e fillos
das e dos traballadores do ensino.
As condicións nas que se aproba esta lei tamén son de destacar, xa
que foi aprobada nas institucións en solitario, co único apoio do PP e
mesmo sen a presenza dos outros ministros na comparecencia de Wert ante o
Congreso. Nas rúas, esta lei foi aprobada tamén entre paus e máis
represión dos corpos policiais españois perante o estudantado galego.
Esta lei quere que voltemos ao franquismo, quere convertirnos en
autómatas e individuos cinguidos ao sistema produtivo sen cuestionalo. É
a nosa obriga polo tanto continuar a combatermos estas medidas do
goberno do PP e continuar a berrarmos ben alto: NON Á LOMCE!
Ningún comentario:
Publicar un comentario