As tres organizacións estudantís da esquerda nacionalista --Comités, Liga e Agir-- convocaron unha xornada de paro nas aulas para rexeitar "os ataques" do PP.
As razóns que as levan a convocar unha xornada de folga son moitas, mais están todas recollidas ora na LOMCE ora nos orzamentos da consellaría de Educación para 2014. Comités, Liga Estudantil e Agir, as tres organizacións estudantís da esquerda nacionalista, compareceron esta quinta feira en rolda de imprensa para anunciar para o 20 de Febreiro máis un día de greve no ensino público galego para exixir que sexa xustamente iso: público e galego.España, ''cárcere dos pobos''
No manifesto que fixeron público, as tres organizacións sinalan a supresión de bolsas, a suba das taxas universitarias, a redución de vagas ou o repagamento dos comedores públicos como catro exemplos do "desmantelamento" que a Lei orgánica de mellora da calidade educativa, a LOMCE, pretende impor "pola vía da legalidade". Rexeitan a "campaña españolizadora e uniformizadora" que alenta esta norma impulsada polo Goberno español e acatada polo galego co obxectivo de "perpetuar ese cárcere dos pobos que é España".
A este respeito, cómpre lembrar como a LOMCE recorta nun 10% as competencias da Xunta de Galiza á hora de deseñar o currículo educativo por ser un territorio con lingua propia, unha lingua que, ao tempo, fica relegada "a un plano moi secundario" e a realidade nacional do País "queda fóra" dos temarios que se explicarán nas aulas. Pola contra, Historia de España é materia obrigatoria.
Os privilexios da Igrexa católica, tamén nas aulas
Mais non só isto. Denuncian Comités, Liga e Agir que a norma española "reforza un programa ideolóxico sustentado na sumisión das mulleres aos homes" ao facer da relixión católica unha das materias con máis privilexios en canto a profesorado e horario lectivo, ademais de blindar os concertos con centros privados que segregan o alumnado en función do seu sexo e que na Galiza supoñen un desembolso de 3 millóns ao ano en diñeiro público.
Todas estas reclamacións transladáronas a unha concentración convocada na compostelá praza de Mazarelos ao remate da rolda de imprensa. Son as primeiras accións dunha campaña "intensa" que percorrerá o País dunha punta á outra para "erguer a voz" e "defender sen tregua" un ensino público, galego e en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario