A Real Academia Galega fixo público un comunicado no que acusa o Goberno de España de discriminar a lingua galega e reclámalle que outorgue validez aos documentos expedidos na nosa lingua.
“Esta institución vese na obriga de manifestar á opinión pública que considera totalmente inaceptable dita decisión, como un claro caso de discriminación contra o idioma galego, ou máis precisamente, contra as persoas que o empregan”, sinala o comunicado que a Academia dirixe ao Goberno de España, referíndose ao rexeitamento de solicitudes de bolsa por teren adxuntados certificados na nosa lingua. A Real Academia Galega esixe que os documentos expedidos na nosa lingua sexan recoñecidos como válidos.Co documento, RAG considera que “resulta abraiante que en declaracións públicas de fontes do propio Ministerio se xustifique o atropelo alegando que o inglés é o idioma da ciencia (como se a preferencia por este idioma na comunicación científica fose política do propio Goberno español), e parece intolerable que cualifique como “residual” o número de persoas que viron rexeitada a súa solicitude por presentaren documentación en linguas diferentes ao castelán e o inglés”.
Ao seu ver o cualificativo de “residual” é “en si mesmo moi expresivo do desprezo con que o Ministerio actuou neste caso: desprezo cara aos dereitos das persoas e menosprezo cara ao propio idioma”.
Sitúa a Academia a resolución deste problema e outros similares en que sexan “automaticamente recoñecidos como legais a todos os efectos os certificados expedidos nas linguas cooficiais sempre que se ateñan a formularios normalizados, legalmente establecidos e aprobados”. Reclama por iso que sexan admitidas as solicitudes que que o Goberno de España, de acordo coa Xunta, “tome as medidas oportunas para garantir a validez oficial dos certificados expedidos en galego e impedir así novos casos de flagrante discriminación lingüística”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario