Estudantado, profesorado e persoal PAS e PDI péchanse no departamento
que dirixe Salustiano Mato para lle deixar claro o seu rexeitamento ao
apoio que está a brindar ás medidas impostas desde Madrid. No Consello
de goberno da quinta feira aprobarase o despedimento de máis de 200
docentes asociad@s.
A primeira mobilización das acordadas nunha asembleia aberta
realizada esta terza feira nos tres campus que fan parte da U-Vigo
(Ourense, Pontevedra e Vigo) arrincou esta cuarta ás catro da tarde.
Ducias
de persoas vinculadas ao persoal PAS, PDI e ao estudantado
concentráronse primeiro diante da reitoría e pecháronse despois co gallo
do Consello de goberno convocado para mañá en que se aprobará, entre
outras medidas, o despedimento de máis de 200 docentes asociad@s.
Un deses profesores é Luís Fernández, quen sinala que a medida é "un
dano colateral" no ataque emprendido en contra do ensino universitario
público. Ao lles incrementaren as horas docentes ao profesorado titular,
que terán que impartir até cinco ou seis materias, o que se consegue é
"unha merma da calidade", "a sobrecarga destes docentes" e "a
desaparición dos asociados".
Con todo, o obxectivo das protestas vai máis aló. A comunidade
universitaria quere deixar claro ao reitor, Salustiano Mato, que
"estamos radicalmente en contra do proxecto Wert, imposto desde Madrid, e
do apoio que se lle está a brindar desde a U-Vigo". Subliña Brais
Fortes, responsábel de campus dos Comités, que profesorado, estudantado e
persoal PAS e PDI "coinciden" en que as medidas que se están a tomar
desde o departamento que dirixe Mato traen da man a masificación das
aulas, a precariedade laboral e a perda de calidade docente e
investigadora. En consecuencia, "empeoran a calidade da Universidade
pública".
Após dúas horas de encerro, Ángel Rodríguez di que a valoración é
"moi positiva" por ser a materialización dunha decisión que partilla
toda a comunidade educativa. Explica o docente PDI que na asembleia da
terza feira foron adoptadas "distintas medidas dependendo da
singularidade de cada campus", acrecentando que en Pontevedra e Ourense
se faran senllas manifestacións diante da vicerreitoría namentres en
Vigo se optou polo encerro. Será a primeira dunha campaña de
mobilizacións que se completará con outras accións como asembleias e
aulas na rúa que se farán nas tres cidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario