Uns 200 alumnos que xa están no instituto deberán buscar outro centro, ao igual que os que ían chegar dos centros integrados de Primaria.A decisión deixa sen instituto a unha zona do sur da cidade de Lugo en pleno crecemento e provoca que 200 alumnos e uns 30 profesores teñan que buscar sitio noutro centro para o curso que vén. Serán recolocados noutros tres institutos achegados, segundo aclara a Xunta, que ademais deberá afrontar outro problema máis, xa que os rapaces de varios centros de primaria adscritos ao IES As Mercedes tampouco saben agora onde van continuar os estudos. "O problema é dobre", advirte a comunidade educativa.
A decisión foille comunicada ao centro cando xa estaba tomada e sen posibilidade de negociación, o que provocou xa que o equipo directivo dimitise en pleno en desacordo non só coa conversión, senón coas formas levadas a cabo pola Consellería de Educación.
As anpa e CIG-Ensino advirten de máis conversións de institutos en centros de FP nos vindeiros meses.O caso de Lugo non é o único. Tamén en Ourense o IES A Carballeira pasará a ser un centro de Formación Profesional e desde a Fapacel (federación de anpas da provincia lucense) agardan máis decisións deste tipo nos vindeiros días e que afectarían a institutos de Vilalba, Monforte ou A Mariña. Será unha constante nos vindeiros meses, segundo advirten as asociacións de pais e sindicatos como CIG-Ensino.
Elvira Lombao, presidenta de Fapacel, ve na medida "outro ataque ao ensino público" e "outra forma de beneficiar os centros concertados". "A algún sitio van ter que ir os rapaces e moito nos tememos que lles acaben dando liñas novas aos colexios privados para acoller os rapaces", denuncia. Esa será unha opción. A outra, que os cativos sexan recolocados noutros institutos da zona que, como advirten desde as anpas, "xa están masificados". Outro problema para un ensino público demasiado golpeado.
"É outro ataque ao ensino público e outra forma de beneficiar os centros concertados", denuncia a federación provincial de anpa
A decisión provocará unha maior masificación de centros que xa teñen ratios moi altas."Estes cambios vannos levar a unha masificación no resto de IES das cidades, a un aumento considerable nas ratios destes centros con todas as complicacións que esto trae consigo non só para o profesorado, senón tamen para o alumnado", denuncia a Fapacel, ao tempo que as anpas dos centros de Primaria adscritos ao IES As Mercedes xa amosaron o seu rexeitamento frontal á medida.
A CIG-Ensino, pola súa banda, xa anunciou tamén que "non vai permitir que se inicie esta reconversión nin a desaparición de ensinanzas nos cetros públicos". Así, veñen de exixir na Mesa Sectorial "a paralización destas medidas para manter a actual oferta de ensinanzas públicas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario