A Consellería de Educación castiga o aforro e recorta a partida destinada a gastos de funcionamento dos centros de ensino de Secundaria.
En case catro de cada dez institutos, centros de FP e centros públicos
integrados de Galicia o axuste supera o 9%, tal e como adiantou a
CIG-Ensino nun estudo.
Son 123 dos 334 (un 36,8% do total) e froito dunha decisión que chegou
por sorpresa a moitos destes colexios, que ven como este novo e elevado
recorte dificulta o seu día a día e volve pór en perigo a calidade da
súa ensinanza.
A explicación dada pola Consellería a algúns dos directores indignados polo axuste foi aínda máis sorprendente. Todos
os centros que teñan aforrado máis dun 33% do seu orzamento sufrirán un
maior recorte na partida de gastos de funcionamento e que será
aínda máis grande canto máis presuposto tivesen aforrado. Ese é o caso
do CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna, que viu como a partida
pasou dos 36.498 euros do curso pasado aos 16.486 deste 2012-13. É o premio a ser un dos centros con maior remanente, segundo lle explicou a Administración.
A Consellería recoñece "un pequeno reaxuste" nas partidas destinadas a gastos correntes
e explica que os centros educativos "poderán utilizar os remanentes do
2012", cantidades que nalgúns casos "son dunha contía igual ou superior
ao do propio orzamento dos centros para o 2013". "Este reaxuste, que
afecta a un 30% dos centros públicos, realizouse tendo en conta a
realidade e as necesidades específicas de cada centro, polo que nalgúns
caso obsérvanse baixadas e noutros subidas do orzamento", explica nun
comunicado.
Non están tanto de acordo os afectados. "Pensei que era un erro na
transcrición, que en lugar dun tres puxeran un un na cifra final, pero
non era así", explica Dolores Vázquez, directora do centro de Navia de
Suarna, que dispón agora de 20.000 euros menos para gastos de funcionamento,
o que supón un descenso de case o 55%. Terá menos cartos para financiar
excursións, actividades extraescolares, a calefacción, amaño de
infraestruturas, material... "Este ano non teremos problemas económicos
neste aspecto, pero si os haberá si nos seguen recortando; o noso
problema principal é a falta de profesores porque temos catro en
Primaria e seguramente para o vindeiro curso teñamos tres", quéixase a
responsable.
Tan sorprendente foi o tamaño do axuste que houbo directores de centros
que o pasado venres, ao recibir a comunicación da transferencia reducida
desta partida, puxéronse en contacto coa Consellería de Educación para
advertir do que supoñían un erro. Non era tal. O recorte foi masivo e en 21 centros superou o 20%, chegando nalgúns casos a un descenso do 55% e ata do 73% en centros como os de Navia de Suarna ou Carballeda de Valdeorras. En 42 centros o axuste supera o 15%.
Porque este novo recorte únese á ampliación do copago nos comedores
escolares, á redución do profesorado ou á diminución orzamentaria da
Consellería de Educación, polo que pon en serias dificultades o
funcionamento diario de moitos centros. "Estamos na alta montaña lucense e só en calefacción xa se nos van 10.000 euros",
insiste Dolores Vázquez, que pode "entender" un pequeno axuste, pero
non que se lle recorte tanto, "precisamente a quen foi capaz de aforrar
mantendo a calidade educativa e de servizos no centro". "Nin valoran nin
teñen en conta o esforzo que fixemos, pero tampouco parecen ter en
conta que podemos ter momentos de dificultade; aínda por riba de
aforrar, recórtannos máis", insiste.
Xa no ano 2012, a partida destinada ao gasto de funcionamento
destes centros foi de 31,1 millóns de euros fronte aos 28,3 deste ano
2013. A este decrecemento do 9% respecto do ano 2012 habería
que lle engadir o incremento dos prezos dos gastos que os centros teñen
que facer fronte con esta partida, pois a calefacción, a luz, a auga,
gastos de departamentos, material ou trasporte para actividades
complementarias sufriron un notable incremento.
"Con eses cartos pagamos o mantemento dos ascensores, a calefacción, as
alarmas, a caldeira, os taboleiros dixitais, un programa informático...
Pero agora hai arranxos dalguha infraestrutura que se cadra non poderemos facer",
asegura Teresa Berdía, directora do IES Urbano Lugrís de Malpica, que
sufriu un recorte de case o 28% na partida, uns 13.000 euros menos. Ela,
ao contrario que a súa compañeira de Navia, non recibiu aínda
explicación ningunha por parte da Consellería. "E iso que mando carta de
protesta por cada recorte que nos fan", lembra.
"É unha vergonza e claro que afecta gravemente ao funcionamento e á
calidade da escola; non imos poder facer todas as actividades que
desexamos", recoñece Berdía, que recorda tamén que os centros afastados
das grandes áreas urbanas teñen que, por exemplo, contar coa axuda dos
pais para sufragar excursións ou visitas culturais a algún museo das
urbes. "Pero hai moitas familias en paro ou cobrando unha axuda
mínima; o 40% dos pais sofren unha situación precaria e achegada ao
limiar da pobreza, así que non lles podemos exixir que paguen
estas cousas", quéixase, mentres segue esperando unha explicación por
parte da Consellería.
Ademais, hai centros aos que aínda incrementando o número de alumnado
redúceselles a partida destinada a gastos de funcionamento para este
ano. A merma de cartos destinada a este concepto, tal e como explica a
CIG, reduce a dotación de recursos en relación aos centros concertados.
Un novo golpe ao ensino público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario