A segunda xornada de 'escrache' ao conselleiro tivo lugar tamén no
Gaias. Á saída da presentación dunha nova exposición do museo recibiu os
apupos do sector entre berros de "demisión".
A Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais continuou hoxe coa
presión ao conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, en protesta pola
situación do sector e para denunciar a falta de diálogo.
Convocada polas redes sociais, membros e simpatizantes concentráronse
nas instalacións da Cidade da Cultura antes da presentación aos medios
de comunicación da exposición Orinoco, viaxe a un mundo perdido, a
seguinte após a de Gallaecia Petrea.
"Aínda non se puxeron en contacto con nós", comentaba Salvador del
Río, voceiro da Plataforma. A situación non mudou, aínda que AGADIC xa
conta cun director desde o nomeamento
de Jacobo Sutil. Antes de acceder ao Museo Centro Gaiás, tres membros
da Plataforma de Artistas de Rúa entregaban unha carta no rexistro desta
institución coa mesma petición de diálogo.
Escrache no Museo
Pouco antes da chegada do conselleiro, a Plataforma desprazouse ao
interior do Museo Centro Gaiás, onde están situadas as billeteiras de
entrada. Agardaron vinte minutos diante da sala de imprensa con cartóns
individuis que compuñan a frase "Cultura nas cidades". Catro policías
autonómicos e varios gardas de seguridade ollaban a distancia á espera
da chegada de Xesús Vázquez.
O primeiro en entrar foi Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura e
logo sería o propio conselleiro, este último por unha porta lateral coa
sorpresa d@s propi@s xornalistas que agardabamos na entrada principal.
Ao remate da conferencia de imprensa o conselleiro realizou unhas
breves declaracións. Preguntado pola protesta da Plataforma sinalou a Sermos Galiza que "isto non é unha proposta de diálogo" e non quixo entrar noutras valoracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario