Xosé Luis Méndez Ferrín consumou nesta cuarta feira a súa demisión como
presidente da Real Academia Galega. Ao saír do Pleno, perante a
imprensa, afirmou que a institución está "en perigo" e que se acha
ameazada "interna e externamente" polo que cualificou como "forzas
intransixentes" contrarias á normalización da lingua galega. Pide "ao
pobo galego" que defenda a RAG das "ameazas" que, afirma, penden sobre
dela. A crise da RAG, lonxe de remitir, agrávase.
Após días de tirapuxas, de arres e xos, Xosé Luis Méndez Ferrín vén
de consumar nesta cuarta feira a súa demisión oficial como presidente da
RAG. Unha decisión que toma coa advertencia de que a institución "está
en perigo". O escritor di que abandona para se situar "na miña paisaxe
nativa, organizacións nacionalistas e de esquerdas". Pide "ao pobo
galego" que defenda a RAG das "ameazas" que, afirma, penden sobre dela
Ferrín
consuma a súa demisión desouvindo a voz de quen, con Manuel Rivas á
cabeza, lle pedía que continuase. Dá toda a impresión de que na súa
decisión pesa máis o conflito interno desatado na institución do que
calquer consideración relativa ás acusacións de nepotismo que se
deitaron contra a súa persoa e que el nunca quixo esclarecer. Esta
segunda feira, na conferencia de imprensa en que informou sobre a
presentación do recurso ante o Supremo contra o decreto do
plurilingüísmo, verbalizouno con toda crueza ao se referir en termos moi
duros á filtración á imprensa da orde do día do plenario que se
realizou esta tarde. Falou de "deslealdades" e "sumidoiros", en alusión
ao sector da RAG, o nucleado arredor de Henrique Monteagudo e Ramón
Villares, co que mantivo un xordo confronto que findou por saír á luz.
O
conflito non tiña recondución posíbel. Ferrín vaise deitando unha grave
acusación, "a institución está en perigo", mas faino sen explicitar
quen a ameaza, sen precisar a que forzas internas e externas se refire,
embora se poda inferir que se refire quer a Xunta de Galiza quer ao
sector de académic@s que pertencen tamén ao ILG e a Consello da Cultura
Galega e aos que o secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, acusou
de quereren colonizar a corporación.
O ton das declaracións de Ferrín á saída do plenario sorprenderon
mesmo a algúns dos académicos que afirmaban que a xuntanza se
desenvolvera "con normalidade". Segundo estas fontes, Ferrín tería lido o
seu escrito de demisión e rexeitado a petición de varios académicos que
terciaron en que continuara na institución. O até agora presidente
reiterou a súa vontade de abandoar a Academia nun pleno no que se
presentaron as contas -que foron ao tempo publicadas na web- da Academia
e que, segundo algúns dos asistentes, transcorriu con tranquilidade.
Apartir de agora ábrese un proceso eleitoral de desenlace máis que incerto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario