Seis autocares con profesorado, alumnado e membros da ANPA trasladaron a
protesta ás portas do Hórreo para denunciaren o desmantelamento de
centros educativos por parte da Xunta.
“Enterámonos que querían suprimir a ESO e o Bacharelato do Instituto
sen previo aviso”. Cristina González, da ANPA do IES Daviña Rei de
Monforte chegou diante do Parlamento galego nun dos seis autocares que
trasladaron a protesta desde as terras de Lemos até a capital. “A nosa
reacción inicial foi a de ter que pedir explicacións e protestar, non
consideramos que sexa unha idea acertada”. O seu centro é un referente
na zona pola súa aposta polas novas tecnoloxías e formar parte de varios
proxectos da UE.
“Somos o primeiro centro en alumnado de Monforte”, sinala Isaac
González, o seu director, “ loitamos desde hai anos por iniciativas
adaptadas aos novos tempos”. A decisión da Consellaría de Educación que
dirixe o polémico Xesús Vázquez podería esfarelar anos de traballo e
inversións nun centro que conta con 500 alumn@s e 55 profesor@s. “Aínda
non temos confirmación oficial”, afirma o director, “se hai confirmación
a perda de calidade do ensino sería evidente ao trasladar ao alumnado a
outros centros e crear grupos máis grandes”
Pais e nais sen liberdade de elección
Unha das preocupación do director é a falta de liberdade de elección
de centro que terán nais e pais se eliminan a ESO e o BAC. “Eles
elixiron vir con liberdade ao IES Daviña Rei”, asegura, “elixiron este
centro por ser aberto e apostar polas novas tecnoloxías e agora, de boas
a primeiras, deixaríanos cos alumnos de FP e a metade do profesorado,
cousa que ninguén quere”.
Outro caso semellante ao de Monforte é o do IES As Mercedes de Lugo.
Neste centro de 600 alumnos, tamén teñen previsto mobilizacións contra a
eliminación da ESO e o BAC. “Queremos solidarizarnos tamén eles e con
outros como o IES Carballeira en Ourense ou os de Sarria, Vilalba e
Chantada”. A ANPA agardaba ser recibida polas diferentes formacións
políticas representadas no Parlamento para presentarlles a súa queixa.
Deputad@s de BNG e AGE achegáronse a primeira hora ao lugar da protesta
para interesarse pola súa reivindicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario