martes, 26 de marzo de 2013

O pleno de Vigo rexeita os "recortes" en comedores escolares

O pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns unha moción na que rexeita os "recortes" nos comedores escolares e reclama a Xunta que retire o novo copagamento e manteña os fondos que viña destinando.
O texto, unha iniciativa socialista que saíu adiante cos votos dos grupos municipais do PSOE e do BNG e contou coa oposición do PP, pide un "rexeitamento contundente dos recortes" e esixe a Consellería de Educación e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o "mantemento dos fondos destinados a comedores".
A iniciativa denuncia que a Xunta xa recortou o pasado ano as achegas a comedores escolares e que foi o Concello de Vigo o que asumiu esas cantidades, ao tempo que engade que, agora, o Executivo autonómico presentou unha reforma do sistema de copagamento que "incrementará un 40 por cento o prezo medio do comedor" e "levará consigo que 20.000 nenos que hoxe comen gratis pasen, dende o próximo curso a ter que pagalo, afectado 3.000 escolares vigueses".
Ademais, os concelleiros nacionalistas levaron á sesión plenaria varias friameiras de plástico para solidarizarse cos escolares que deberán pagar máis por este servizo.
Por outra parte, socialistas e nacionalistas aprobaron unha moción --presentada polo PSOE-- na que solicitan á Xunta que "deixe de penalizar á área sanitaria de Vigo" e que "Pontevedra e o Salnés "volvan ter como referencia para cirurxía cardíaca" a unidade do Hospital do Meixoeiro.
Ademais, na sesión deste luns, a ordinaria correspondente ao mes de marzo, os tres grupos políticos aprobaron por unanimidade a elaboración dunha estratexia de promoción turística da urbe, unha iniciativa presentada polo grupo popular.

MEDALLA

O pleno ordinario estivo precedido da celebración dunha sesión extraordinaria na que se aprobou a entrega da Medalla de Vigo á Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro e a concesión do título de Vigueses Distinguidos a Carlos Oroza, Antonio Romero Lorenzo, Gumersindo Espiña Campos, o colexio Compañía de María, Antón Piñeiro Lorenzo, a Federación Veciñal e a Sociedade Deportiva Atlántida de Matamá.
A gala de entrega de galardóns celebrarase o mércores no Centro Cultural Novacaixagalicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario