A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización
Lingüística (Cgendl), que agrupa a máis de 400 equipos e docentes, pídelle á Xunta que cumpra a lei, logo das sentenzas do TSXG que invalidan dous puntos clave do decreto do plurilingüismo,
e que aplique os principios xerais da Lei de Normalización, reconsidere
a súa estratexia co idioma e "deixe de fomentar preconceptos en contra
da promoción social do galego".
A través dun comunicado, que será difundido "masivamente" nos centros
escolares galegos, pretende "fixar a posición" dos equipos de
normalización "tras as últimas declaracións realizadas nos pasados días
polo presidente Feijóo a respecto da política lingüística que pretende
seguir o Goberno galego".
Así, a Cgendl lembra que os usos da lingua galega no ensino non
universitario "seguen rexidos polo momento polo decreto do
plurilingüismo" e, xa que logo, baséanse nos dous principios invalidados
pola Xustiza: a consulta ás familias e a posibilidade do alumnado de "empregar o castelán cando a materia que se imparte é en galego",
pois é, aclara, nos ámbitos urbanos castelanfalantes "onde se producen
as protestas dunha ínfima porcentaxe de discentes e familias por teren
que aprender na lingua propia de Galicia que, supostamente, lles é
descoñecida".
"A Xunta de Galicia segue teimando en realizar a consulta ás familias malia o ditado polo TSXG",
recorda o comunicado, e pide que "non se menosprece a legalidade e
pretenda determinar a lingua do ensino en educación infantil a través de
ningunha enquisa", tal e como se fixo en cursos anteriores, xa que "non
respecta o que formula o artigo 13.1 da Lei de Normalización
Lingüística (LNL) nin o establecido no Plan Xeral de normalización da
lingua galega (Pxnlg).
A Cgendl advirte que desde a Administración autonómica "estáselle a
pedir ao profesorado 'flexibilidade' para que se lle permita ao alumnado
empregar a lingua da súa preferencia, é dicir, o castelán" e recordan
que "non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán".
Por todo, a Coordinador pide á Xunta que "reconsidere as estratexias de promoción da nosa lingua"
e que "asuma como deber inexcusable as potencialidades que posúe o
sistema educativo como axente efectivo tanto para a normalización do
galego como para a integración social e comunitaria". Ademais, cre
necesario "aplicar os principios xerais da Lei de Normalización (LNL)",
sen renunciar ao plurilingüismo, pero garantindo "que o alumnado
adquira unha competencia plena en galego ao rematar o ensino
obrigatorio".Do mesmo xeito, pide ao Goberno autonómico "e aos seus portavoces" que
"deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do
galego", xa que "deben actuar con enorme responsabilidade e
altura política nun momento moi crítico para a transmisión
interxeracional da nosa lingua". Así, reclaman tamén que as
autoridades educativas "fomenten sen complexos" a presenza do idioma en
calquera materia, nomeadamente nas científicas e tecnolóxicas e que lles
permitan "adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se
adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a
comunidade".
Ningún comentario:
Publicar un comentario