Á Xunta quédalle apenas unha semana para decidir se opta por
mergullarse nunha batalla legal na defensa do denominado decreto do
plurilingüismo. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza
de Galicia (TSXG) invalidase ata en oito ocasións puntos clave da
reforma lingüística de Feijóo, tales como a realización de consultas
vinculantes ás familias ou a capacidade do alumnado para falar o idioma
que considere oportuno con independencia da materia impartida, a
Consellería de Educación realizou os trámites previos para presentar un
recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero non sabe se o
culminará. Iso é, cando menos, o que afirmou este martes no Parlamento o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A preguntas do voceiro do PSdeG en materia de lingua, Francisco Caamaño, García explico que o feito de "que nos persoásemos" ante o alto tribunal "non quere dicir que agoar mesmo estea decidido presentar"
o recurso "ou non". Entón, por que "efectuou o trámite de
comparecencia, que é un aviso para poder presentar o recurso"?. O
departamento que dirixe Jesús Vázquez "constatou que hai outras
entidades" que van recorrer as resolucións do TSXG. "Unha xa o
presentou", e non é outra que a asociación Galicia Bilingüe. "E a Real Academia Galega está a preparalo".
En calquera caso, segundo Valentín García interpreta, como o seus
superiores no Goberno, que "tras oito sentenzas" o Tribunal Superior
"apoia o modelo" lingüístico da Xunta e o que tomba "non é máis ca un
5%", "dous parágrafos" dun total de "trinta e tres artigos". E ademais,
abonda, "así o corroboraron nas urnas os cidadáns de Galicia". "Se, como
vostede di, o decreto non está tocado... Por que o recorren?", inquiriu
Caamaño. "Por que prolongan a agonía da lingua?",
pregúntase o socialista, en cuxa opinión o secretario xeral debera ser
consciente de que "non é o mesmo" a posición dun colecetivo social "que a
do Goberno de Galicia", ao que lle corresponde "dar exemplo".
Caamaño ten "só unha explicación" para a actitude da Xunta. "Recorren para presionar novamente á oposición",
nunha caste de chantaxe segundo a cal "se non apoiades o que eu quero,
vou seguir tendo a lingua nos tribunais", que é "o peor" que lle pode
pasar", "unha mala noticia para todos os que queremos e defendemos a
lingua". Segundo o secretario xeral quen "tende a man" é precisamente a
Xunta, tanto á oposición como "ao colectivo Chamamento polo Galego,
que ten difundido un manifesto para que non se materialice o recurso".
Así e todo, xusto a continuación o alto cargo de Educación lanza unha
andanada dialéctica contra o parlamentario socialista "Onde rompe o
consenso" non é co decreto plurilingüe, "senón co anterior", isto é, o
do bipartito, resolve.
Ningún comentario:
Publicar un comentario