"Abandonar a confrontación" asumindo a política lingüística da Xunta. A proposta que xa lle lanzara o presidente da Xunta ao BNG
esténdea agora o conselleiro de Educación ao conxunto da oposición
parlamentaria. Jesús Vázquez acudiu este martes ao Parlamento para
explicar as liñas de actuación da súa consellería nesta lexislatura e,
de paso, proclamar a recuperación do "clima de normalidade lingüística"
sobre o piar do denominado decreto do plurilingüismo, ilegalizado
parcialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en oito
sentenzas que, segundo o conselleiro, "reforzan" o seu texto. Por ese
motivo, insiste, PSdeG, AGE e Bloque débense sumar á normativa do
Goberno, argumenta.
Nunha comparencia na que, como en intervencións anteriores, non figurou
a verba "normalización" -xa desbotada polo anterior secretario xeral de
Política Lingüística, Anxo Lorenzo-, Vázquez "reitera a defensa" do
decreto porque "lle devolveu á sociedade a cordialidade e o consenso" a
respecto do idioma. "Non o dicimos nós, dixérono a maioría dos galegos cando nas eleccións escolleron ao PP", sentenza. Ademais, abonda, as sentenzas do TSXG "ratifican o 95%" do texto. Polo tanto, nada que mudar, vén dicir.
Non obstante, e malia dar por avalado o decreto, Vázquez advirte de que "o prazo" para presentar un recurso de casación no Tribunal Supremo contra as sentenzas do TSXG "remata ás 15 horas do día 15".
"Non foi a Xunta a que levou o decreto aos tribunais" e "foron vostedes
os que rexeitaron os intentos de chegar a acordos", reprochoulle ao
conxunto da oposición. Neste contexto, o conselleiro deixa caer a
proposta que xa explicitara o presidente; non haberá recurso se PSdeG,
AGE e BNG asumen os plans lingüísticos do PP.
"Son o primeiro goberno que recorre aos tribunais en contra da súa propia lingua",
reprochoulle dende o BNG Cosme Pombo, quen lembra ademais o recorte
orzamentario reiterado que veñen sufrindo os programas de fomento do
galego. O Goberno de Fraga, lembra, "dedicáballes o triplo do que se
lles dedica hoxe en día". "Nós non impugnamos o decreto, é a Real
Academia Galega a que recorre a un tribunal que vostedes tildan
de españolista", retrucoulle Vázquez, quen insiste en que "a maioría
dos galegos" está a prol do decreto. Sobre esta base, di, a Xunta
realizará unha "política lingüística sobre a lingua como elemento
identitario", cunha "dinamización" no "marco do máis absoluto respecto á
convivencia" e mesmo, afirma, seguindo o Plan Xeral de Normalización.
Pero, haberá recurso? A resposta, semella, ás 15 horas do día 15.
Ningún comentario:
Publicar un comentario