O secretario xeral de Política Lingüística admitiu na Comisión de
Cultura do Parlamento galego que a postura institucional tomouse pola
actitude da asociación que dirixe Gloria Lago.
“Tomamos as medidas para presentar o recurso de casación porque outras entidades, como Galicia Bilingüe,
tamén o fixeron”. A primeira comparecencia do secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García Gómez, nunha comisión de Cultura
do Parlamento foi para responder sobre o recurso de casación presentado
pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria diante
do Tribunal Supremo respecto das sentenzas ditadas polo Tribunal
Superior de Xustiza de Galiza en relación co Decreto para o
Plurilingüísmo no Ensino non Universitario.
Valentín García tentou responder ás preguntas do voceiro do Grupo
Socialista, Francisco Caamaño, admitindo que a reacción do seu
departamento ten unha relación directa coa actitude da asociación que
preside Gloria Lago. "Tamén sabemos que a RAG prepara outro recurso polo
que quixemos estar tamén".
A lingua nos xulgados
Na presentación da pregunta sobre o recurso da Xunta, Francisco
Caamaño afirmou que “nada peor para unha lingua que estar en mans dos
xulgados”. O voceiro socialista asegurou que o conflito lingüístico
comezado polo goberno galego “sacouse adiante contra os informes de
institucións como o Consello da Cultura Galega, o sistema educativo, a
Real Academia Galega e o propio Consello Consultivo”. Segundo Caamaño a
actitude de Feijóo de “alongar a situación da lingua nos tribunais é
sorprendente” e rexeitou a proposta de pactar “algo ilegal”.
O Secretario xeral de Política Lingüística rexeitou retirar o trámite
do recurso “se non hai consenso con entidades como GB, as institucións e
unha vontade de diálogo político”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario