venres, 15 de marzo de 2013

A Xunta dispara un 40% o prezo dos comedores escolares en plena crise

Unha familia de tres membros: dúas persoas adultas e un fillo ou filla en idade escolar. As dúas persoas adultas cobran uns céntimos máis de 1.125 euros ao mes cada unha e, a partir do próximo curso, terán que adaptar a súa economía familiar a pagar uns 90 euros mensuais polo comedor escolar do seu fillo ou filla, que custará 4,50 euros ao día. Eses 4,50 euros son o prezo máximo fixado pola Consellería de Educación para prestar este servizo, un tope que en plena crise sobe un 40,2% a respecto do curso anterior, no que ademais o departamento que dirixe Jesús Vázquez revoluciona as regras que rexen os comedores, que ata agora eran de balde para o 91,82% do alumnado e nos que agora terá que pagar o 43,26%, segundo cálculos do propio Goberno galego.
O argumento ofrecido dende San Caetano é semellante ao lanzado antes de aplicar outros recortes, o da "sostibilidade", en palabras do secretario xeral da consellería, Jesús Oitavén, quen tamén sostén que a "gratuidade total" se mantén para "as rendas baixas". Este concepto de renda baixa é só aplicable, segundo a Xunta, para as familias cunha renda per cápita inferior a 7.000 euros anuais, isto é, por exemplo, unha parella cun fillo que non ingrese máis de 583 euros ao mes en total. De aquí en diante o Goberno galego xa non aplica o baremo creado para as devanditas "rendas baixas".
Así, nas familias de entre un e dous fillos en idade escolar con renda per cápita de entre 7.000,01 e 8.000 euros ao ano, o prezo do comedor será dun euro ao día -uns 20 euros ao mes-, o mesmo que para as familias numerosas que ingresen máis de 7000,01 euros per cápita. No caso das familias cun fillo ou dous en idade escolar e ingresos de 8.000,01 e 9.000 euros per cápita, o prezo diario por xantar no colexio chega aos 2,50 euros. De 9.000,01 per cápita en diante o prezo chega aos devanditos 4,50 euros ao día. A Xunta admite non saber cal será o volume total de cartos que obterá con esta suba, se ben asegura que a recadación permitirá que, no curso 2016-17, "sexan un total de 66.805 os usuarios que empreguen este servizo baixo a xestión da Consellería", un "fito" resultante de asumir "o 60%" dos comedores que actualmente xestionan as asociacións de pais e nais.

Feijóo sae en tromba na defensa da suba

Mentres sindicatos educativos como a CIG Ensino ou o STEG enmarcan estas medidas na "cruzada" da Xunta contra os servizos públicos e no seu carácter "inxusto, insensíbel" ou "insolidario", o propio presidente do Goberno galego realizaba este xoves unha acendida defensa do plan de Jesús Vázquez. Lonxe de asumilo como unha retallada, Alberto Núñez Feijóo presenta o incremento de prezos como unha vía para lograr "máis equidade", xa que, segundo a versión presidencial, "non lle cobramos a quen o necesita e si lle cobramos a quen pode". Malia á redución na porcentaxe de alumnado que xantará de balde, Feijóo insiste en que "o que era gratuíto segue sendo gratuíto" e "o que era máis barato segue sendo máis barto", dado que "o 60% non pagará por comer nun comedor escolar".
 A xuízo de Feijóo "hai modelos que consisten en que paguen o mesmo os que teñen e os que non teñen" pero el aposta pola "xustiza social". Eses principios, afirma, non se cumpren ofrecendo un servizo universal de comedor escolar, porque iso implicaría "que en época de crise" e "cun paro enorme" se "siga financiando cos cartos dos parados o comedor da xente que ten traballo e pode pagalo". Por este motivo, di, o seu gabinete "corrixe as disfuncións do sistema de copagametno que implantou o bipartito". Asume, polo tanto, este cambio como un recorte?, preguntóuselle dende a bancada da prensa. "Evidentemente, non", retrucou.

Tarifas dos comedores escolares da Xunta
Prezo por alumna/o
Fillas/os en idade escolar
Ingresos anuais per cápita
De balde
Indiferente
Menos de 7.000€
1€/día
1 ou 2
7.000,01€ - 8.000€
1€/día
3 ou máis
Máis de 7.000,01€
2,50€/día
1 ou 2
8.000,01€-9.000€
4,50€/día
1 ou 2
Máis de 9.000,01

Ningún comentario:

Publicar un comentario