Ferrín anuncia que a Academia interpuxo un recurso de casación ante o
Tribunal Supremo de Madrid contra o decreto da lingua para pedir a súa
“anulación total” e amósase convencido de que teñen “moitas
posibilidades de gañar”. A presentación do recurso foi aprobada pola
totalidade de membros do plenario.
A batalla xurídica contra o decretazo da lingua da Xunta do PP chega
até as máximas instancias estatais. O presidente demisionario da Real
Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou dende a sede da
rúa Tabernas da Coruña que a institución cultural presentou no Tribunal
Supremo de Madrid un recurso de casación contra a sentenza do TSXG
referente á polémica norma lingüística do actual goberno galego, da que
só anulou dous puntos. “Pedimos a anulación total”, afirmou Ferrín, que
tamén se mostrou optimista xa que, segundo as súas palabras, “falei con
algúns avogados e me dixeron que presentamos un recurso moi bo e temos
posibilidades de gañar e cambiar así a presente política cultural”.
“Nós temos unha boa relación coa Xunta, menos neste asunto”, afirmou
Ferrín, que estivo acompañado por Xosé Luís Axeitos e Manuel González.
Este último foi o que recoñeceu que o recurso de casación presentado
pola RAG podería chegar a retirarse se o goberno do PP estivese disposto
a sentarse a negociar unha mudanza da súa política lingüística. Ferrín
denunciou o desleixo co que o Executivo de Feijóo tratou á Academia
nesta cuestión: “Antes da elaboración do decreto, a RAG solicitoulle á
Xunta poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e
promoción do idioma galego emitindo o correspondente informe preceptivo e
non vinculante. Infelizmente a Xunta impediu que a RAG cumprira a súa
función, o que nos obriga ao noso pesar a reivindicar de xeito legal a
defensa do idioma, a única razón de ser desta Academia que fundou
Murguía”.
Disenso no Parlamento e na rúa
“Vivimos nunha situación de diglosia, cun bilingüismo desigual que
mantén o galego en inferioridade e con esta acción a RAG pretende que se
actúe a prol da normalización, para a cal o sistema educativo é
decisivo. Queremos que se volva á norma aprobada por unanimidade en
2004, cando Feijóo era vicepresidente. Teño saudade daqueles tempos nos
que había consenso sobre o galego no Parlamento, agora hai disenso, no
Parlamento e na rúa”, indicou o presidente da Academia, que lamentou que
“a algúns que parece que non lles importe que se extinga o galego
botarían as mans á cabeza se derrubaran o Pórtico da Gloria, cando o
idioma é unha obra moito maior”.
Nin Ferrín -nin os membros da Academia que o acompañaban- quixeron
referirse durante a conferencia de prensa a outras cuestións como a
hipotética reconsideración da súa demisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario