Traballar sen contrato, sen seguro e sen actualización salarial tamén é unha situación que pode acontecer na administración pública. Pasa na Xunta de Galiza co colectivo de traballadoras e traballadores da lingua que imparten aulas do CELGA, arredor de 500 persoas no caso de profesorado colaborador, e 124 no caso de profesorado habilitado. “Nin formalizamos contrato, nin temos un seguro, e a maior parte de nós temos que coller o coche para ir ao traballo posto que non están nas cidades que vivimos e arriscámonos a ter un accidente e non ter seguro”, din.
Cóntanos a súa experiencia como profesor de lingua galega Anxo Otero, membro da Asemblea de Profesorado do CELGA. “A problemática non é nova, xa acontecía antes de se implantar o CELGA hai máis de vinte anos”. As irregularidades denunciadas por este colectivo non rematan aí. “Os cursos son bastante opacos”, asegura este profesor, “hai ademais listaxes de avaliadores dos cursos Celga que chaman a dedo a quen queren e despois corrixen os exames e os reparten como queren e a quen queren, non hai uns criterios”. Mesmo hai outros cursos como os de linguaxes específicas, como son os de Linguaxe Administrativa e Linguaxe Xurídica que non teñen unha listaxe pública.
Para traballar nun destes cursos, cunha duración de 70 horas, hai que levar sete meses no desempregoSete meses no desemprego
O sistema que emprega a Xunta para contratar este profesorado é o de listaxes. Para entrar nelas, alén de contar coa titulación exixida, hai que cumprir cun curioso requisito: estar desempregad@. “Para acceder a este traballo hai que estar no paro e presentar a documentación até o 30 de outubro”, explica Anxo Otero, “unha vez entregue, poden reiterar a petición en xaneiro ou febreiro e antes de comezar os cursos, no mes de abril, tes que estar aínda no paro”. Ou sexa, para traballar nun destes cursos, cunha duración de 70 horas, hai que levar sete meses no desemprego. Mais a historia é aínda máis revirada. “A xente que cobra a prestación por desemprego ten de a suspender durante os dous meses do curso e non cobras nada, posto que o curso se paga en setembro.”
A CTNL tamén denunciou nun documento a precaria situación do profesorado do CELGAProposta da CTNL
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) presentou en xullo de 2010 un documento a partir dun proceso de reflexión e análise dun amplo grupo de persoas con experiencia en distintos ámbitos relacionados cos CELGA. A proposta, feita súa pola actual Asemblea de Profesorado do CELGA, reclamaba “a creación dun equipo docente estábel e profesionalizado, seleccionado e contratado a través dun proceso selectivo público de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade”.
O texto denominado Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga asinalaba no apartado docente a necesidade de corrixir a “grave situación irregular e que durante os cursos o profesorado estea formalmente contratado, coa correspondente cotización e alta na Seguridade Social, e coas condicións e dereitos lóxicos e básicos de calquera traballadora”.
Negociación
“Presentámoslle a nosa proposta ao secretario Xeral de Política Lingüística en setembro”, asegura Anxo, “e sacaron unha resolución en xaneiro que non conta con ningunha ideas que lle transmitimos”. Este membro da Asemblea de Profesorado do CELGA é contundente e salienta aínda que “demos por superado o diálogo con Política Lingüistica”.
Agora quédalles a negociación cos partidos políticos con representación no Parlamento galego como medida de presión para solucionar o seu problema. A súa reclamación é ben sinxela. “Nós reclamamos a profesionalización, que haxa un concurso público e transparente para todo o mundo.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario