xoves, 14 de marzo de 2013

O comedor escolar deixará de ser gratis para o 34,25% dos usuarios. O prezo máximo ascende a 4,5 euros ao día.

A Xunta desvincula a condición de usuario de transporte escolar coa gratuidadee total, da que se beneficiarán un 56,74% dos usuarios. O comedor escolar xestionado directamente pola Consellería de Educación deixará de ser gratuíto para un 34,25 dos usuarios en centros públicos galegos, mentres que o prezo máximo do menú por día ascende de 3,21 a 4,5 euros.

   Ata agora este servizo non supoñía custo ningún para un 91,82 por cento das familias naqueles comedores xestionados directamente por Educación, cifra que agora descende ata o 56,74 por cento dos usuarios. Así mesmo, desvincularase a condición de beneficiario de transporte escolar coa gratuidade total nestes espazos.
   O obxectivo, segundo explicou en rolda de prensa o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, é garantir a "sostenibilidade" dunha "ampla" rede de comedores escolares, para poder así incrementar os usuarios ata os 66.805 no horizonte do curso 2016-2017. Deste modo, este departamento prevé asumir o 60 por cento daqueles que están xestionados polas ANPA (unhas 6.800 prazas), e crear 2.385 prazas de xestión directa ou indirecta.
   A Xunta establecerá un novo sistema de prezos públicos que permitirá calcular o custo a pagar baseándose en tres grupos diferenciados de familia e intervalos de renda neta. O copagamento non se estenderá ao transporte escolar, segundo aclarou Oitavén, quen non explicou qué solución se aplicará para aqueles alumnos que traen a súa propia comida ao centro, dado que a Lei de Seguridade Alimentaria impide mesturar estes alimentos con aqueles elaborados no comedor.
   Segundo o cálculo realizado baseándose nos datos de renda das familias ao concluír 2011, Educación calcula que un 10,87 por cento pagará un euro por menú, un 8,41 por cento aboará 2,5 euros, e un 23,99 por cento terá que asumir o custo máximo de 4,5 euros.

TRAMOS DE RENDA ESTIMADOS

 

   Para o cálculo do custo dos comedores terase en conta a renda per cápita neta anual das familias, tendo en conta a todos os membros da unidade familiar (fillos en idade escolar, non escolar, etc.)
   Aquelas que teñan unha renda per cápita anual inferior a 7.000 euros, independentemente do número de membros, veranse beneficiados da gratuidade total do comedor escolar.
   En segundo lugar, para rendas per cápita netas de entre 7.000 e 8.000 euros, cun ou dous fillos en idade escolar, terán que aboar un euro por cada un ao día por gozar do servizo. Este mesmo custo se aplicará a aquelas con renda superiores aos 7.000 euros con tres ou máis fillos en idade escolar.
   Por outro lado, aquelas con renda per cápita neta anual entre 8.000 e 9.000 eruos cun ou dous fillos en idade escolar terán que aboar 2,5 euros por cada un ao día.
   Finalmente, para rendas per cápita netas superiores a 9.000 euros cun ou dous fillos en idade escolar terán que pagar 4,5 euros por cada un que goce do comedor.
GRATUÍTO PARA COLABORADORES DO COMEDOR
   A estimación avanzada por Oitavén apunta a que un 77,5 por cento das familias numerosas terán comedor gratis, ademais dun 67,59 por cento a aquelas con dous fillos e un 50,81 por cento a familias cun só fillo.
   Por outro lado, o secretario xeral técnico sinalou ademais que o persoal que colabora co comedor continuarán sendo usuarios gratuítos deste, mentres que o persoal non colaborador terá que pagar o custo do servizo, uns 4,5 euros.

TAXAS DE ENSINANZAS DE RÉXIME ESPECIAL

   Por outro lado, Oitavén avanzou no mesmo acto a actualización de prezos e taxas para ensinanzas de réxime especial (artísticas, deportivas e de idiomas).
 
 Para Escolas Oficiais de Idiomas, o custo ascenderá de 81 euros a 105; en ensinanzas deportivas será de 168 euros de media; en Conservatorios Elementais aumentará de 101 a 150 euros e en Conservatorios Profesionais o prezo subirá de 161 a 245 euros.
   No caso de Conservatorios Superiores de música, o prezo público cariará de 311 euros 483, mentres que en escolas superiores de arte dramática será de 483 euros. Finalmente, o custo de ensinanzas superiores de artes plásticas e de deseño subirá dos 191 euros actuais a 295 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario