A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural vén
de presentar un documento que alerta de que os recortes e o
"desmantelamento" de redes e estruturas están poñendo en perigo "o
dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade
cultural e ao coñecemento" O texto advirte tamén que "as medidas
curtopracistas que se están a tomar non solucionan os problemas
estructurais da economía e da nosa sociedade, todo o contrario, están a
acelerar a desaparición de estructuras, iniciativas e redes que si
funcionan ou funcionaban e que será moi difícil volver a recuperar".
O documento presenta un amplo conxunto de reflexións arredor
da situación actual da cultura en Galicia e busca ser compartido e
debatido con máis colectivos e administracións públicas, cos que iniciarán
contactos "para desenvolver propostas de acción na defensa do valor
social do coñecemento, coa cultura como elemento esencial e non
ornamental". A Asociación agrupa 61 xestores culturais
privados, técnicos municipais e responsables de espazos culturais, tanto
do eido público como do privado.
O texto salienta que os recortes se realizan "en áreas esenciais para
unha sociedade que pretenda ser sostible, solidaria e con opcións de
futuro", en referencia aos servizos sociais, á sanidade e "aos tres
alicerces da sociedade do coñecemento: a educación, a ciencia e a
cultura". E máis aló da diminución nos orzamentos, denúnciase a "improvisación" na xestión das administracións,
a "falta de análise das súas repercusións, ausencia de estratexias
alternativas e en demasiadas ocasións, un abandono de funcións".
E sinala que aínda que as institucións públicas teñen a obriga
constitucional de promover e tutelar o acceso igualitario á cultura e o
coñecemento, "os axentes culturais debemos reflexionar tamén
sobre os valores que hai detrás do noso traballo e o que aportamos á
sociedade, co obxectivo de que a cultura recupere a súa función de motor
social e económico".
O documento céntrase en tres demandas: "futuro", "diálogo" e "boas prácticas".
No informe reivindicase que as políticas públicas "deben realizarse
cunha planificación estratéxica a longo prazo e orientadas ás
necesidades da sociedade e o territorio que ocupan". Tamén
lembra que "debe escoitarse e facer partícipes das políticas públicas a
profesionais, asociacións sectoriais e á cidadanía" e que "deben
reorientarse os usos dos recursos non monetarios das administracións e
abrir á sociedade a xestión de espazos públicos infrautilizados". Finalmente, sinálase que en tempos de reduccións orzamentarias, "debe extremarse a transparencia orzamentaria e de contratacións, priorizando as convocatorias abertas e a esixencia de responsabilidade na xestión económica e social dos nosos recursos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario