Alianza en galego, catalán e éuscaro contra a Lomce. A
Mesa pola Normalización Lingüística, o colectivo vasco Kontseilua e o
catalán Ciemen-Enllaçats Per la Llengua pediron este martes
axuda aos grupos parlamentarios do Congreso para frear esta lei Wert,
logo de presentar un manifesto no que denuncian o "ataque directo" que
supón esta proposta de reforma educativa para as súas respectivas comunidades lingüísticas.
Todo, malia que os tres colectivos denunciaron a actitude da Mesa do
Congreso, que lles dera permiso para realizar o acto pero que lles
impediu o paso da prensa, polo que tiveron que facer declaracións no
exterior tras reunirse con varios grupos parlamentarios.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, volveu calificar o anteproxecto como a "lei da Wertgoña"
por tratar o galego, o catalán e o éuscaro como "linguas tóxicas" e
"que deben manterse como os medicamentos, afastados dos nenos". Para o
dirixente do colectivo, a aplicación da Lomce suporía unha situación que "nunca houbo en 30 anos de democracia" para as tres linguas.
"Temos que retraernos ao franquismo. Parece que Wert quere ser o
Vesubio para as nosas linguas e que só sexan elementos folklóricos para
colocar nos museos, pero nós queremos linguas vivas", manifestou.
Ao tempo, Carlos Callón destacou no Congreso que esta lei
agravaría aínda máis a situación que sofre o galego en Galicia, onde
"está prohibido que se impartan determinadas materias" na
lingua propia, tal e como destacou. "A Xunta ordenou destruír 190.000
libros de texto polo feito de que estaban neste idioma", lembrou, tras
advertir de que Galicia "foi o banco de probas para aplicar a Lomce".
Ademais, Callón explicou que A Mesa e os outros dous colectivos "fan un
chamamento a todas as comunidades lingüísticas en defensa dos nosos
idiomas, e un chamamento ao conxunto dos grupos parlamentarios do
Congreso para que se opoñan á Lei Wert, e para facer que o Goberno
escoite e retire esa lei”.
Pola súa banda, Paul Bilbao, representante de Kontseilua, asegurou que os colectivos foron
ao Congreso "para denunciar o borrador presentado por Wert, que o que
vai facer é arrinconar máis as nosas linguas e os seus falantes.
Nas últimas décadas traballamos para normalizar as nosas linguas e
cremos que este borrador vai ser un retroceso", explicou, antes de
participar na primeira reunión cos deputados, para engadir que o seu
obxectivo é conseguir que os grupos se convertan no seu "altofalante" no
Congreso.
Así, aclarou que o que pretenden conseguir é que Wert "escoite a
opinión da sociedade civil organizada" que, ao seu xuízo, é "totalmente
contraria" á proposta que fixo o ministro. "O noso final
obxectivo é que todos os grupos ou polo menos aqueles que sexan
favorables á normalización das linguas minorizadas teñan en conta a nosa
opinión e que esa opinión sexa trasladada ao órgano pertinente",
explicou.
Pola súa banda, o representante do Centre Internacional Escarré per a
les Minories Ètniques i les Nacions (Ciemen), que forma parte da
plataforma Enllaçats per a Llengua, Joaquim Arenas, defendeu o modelo lingüístico educativo catalán e a inmersión como método "aplicado en moitos países, que Cataluña fixo seu, para poder realizar a escola catalá para todos os nenos".
"A Lei de Wert é unha lei que frustra todo o esforzo que se fixo durante todo o século XX
e que arrinca de moi lonxe", alertou, para insistir en que a reforma
ameaza a "mentalidade pedagóxica que callou en Cataluña" e a súa
aplicación suporía "traizoar" aos nenos cataláns porque se deixaría de
dar a todos os alumnos os mimos instrumentos.
Algúns parlamentarios amosaron xa o seu apoio ás demandas das tres
organizacións. As deputadas do BNG na Cámara amosaron o apoio do BNG ao
labor das organizacións lingüísticas e compartiron as mesmas críticas á
nova lei de Educación que está a elaborar o Ministro de Educación.
A deputada Rosana Pérez asegurou que o “BNG considera imprescindíbel
que as plataformas en defensa das linguas se mobilicen e veñan ao
Congreso a concienciar e a defender os dereitos lingüísticos, sobre todo
ante un novo ataque como é a Lei de Educación. Unha lei que xa temos dito que é recentralizadora, que nega o plurilingüismo e a realidade plurinacional”.
Ademais, engadiu que “incentiva o ensino privado". "Destinan recursos
públicos ao financiamento do ensino privado para alimentar un negocio. É
fundamental que nos mobilicemos para facer valer o noso dereito a
expresarnos na nosa lingua”, insistiu.
O portavoz de Amaiur no Congreso, Mikel Errekondo, tamén anunciou o
apoio do seu grupo ás plataformas e asegurou que non basta con pór
"parches" para "tentar arranxar a lei" de Wert senón que "hai que esixir
a súa retirada".
Pola súa banda, o portavoz de ERC no Congreso, asegurou que, desde a
súa formación, aplauden a iniciativa das organizacións e que están á súa disposición "para facer o que faga falta",
á vez que explicou que falarán sobre posibles iniciativas a pór en
marcha, na liña das que xa veñen impulsando ERC, para defender as súas
linguas e os seus modelos escolares. "Temos unha complicidade total",
confirmou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario