O Superior galego dá a razón ao sindicato STEG no recurso que interpuxo
contra a consellaría de Educación despois de que esta retomase os
concertos e os defendese apelando "á liberdade de elección das familias" .
O Tribunal superior de xustiza de Galiza anulou os concertos que a
consellaría de Educación mantiña con cinco colexios relixiosos que
segregan o alumnado por razóns de sexo. A Xunta destina a Monte
Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na
Coruña até tres millóns de euros ao ano en virtude dos acordos co ensino
privado.
A resolución do Superior galego chega após un recurso
presentado polo sindicato STEG e considera que manter estas subvencións
públicas vulnera a Lei orgánica de educación, que "prohibe
taxativamente a discriminación de alumnos na admisión a centros públicos e concertados".
Porén,
o titular de Educación, Jesús Vázquez, recuperou os concertos nada máis
poñer un pé na Xunta e defendeunos apelando "á liberdade de escolla das
familias" e "a un réxime democrático onde as familias participan no
modelo educativo dos seus fillos", argumentos que empregou tamén para
defender a polémica consulta ao redor da lingua que o mesmo tribunal
declarou seis veces ilegal.
A sentenza que dá a razón ao STEG chega após o TSXG pronunciarse en
até tres ocasións a favor as axudas públicas que van parar a estes
colexios, resolvendo contra outros tantos recursos presentados polos
sindicatos CIG, CC.OO. e UGT. As tres sentenzas están recorridas polas
centrais sindicais perante o Tribunal Supremo, que aínda non se
pronunciou. No verán de 2012 o Supremo deu a razón aos gobernos de
Andalucía e Asturias, que deixaran fóra das subvencións os colexios
segregacionistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario