O presidente da Xunta defende a ampliación do copagamento nos comedores escolares a 20.000 escolares máis o vindeiro curso e e
defende que con esa medida evitarase que os parados financien a comida
de nenos cuxos pais traballan. Finxe ignorar que o lóxico é que os
servizos públicos sexan universais e se financien vías impostos,
gravando máis a aqueles que máis teñen.
O presidente da Xunta defendeu o copagamento nos comedores escolares.
Con vehemencia. Mesmo afirmando que "cambiamos o sistema de cobro nos
comedores para facelo máis equitativo". O novo sistema implica que por
volta de 20.000 alumnos pasen a pagar o vindeiro curso por este servizo.
"O que era gratuíto, vai seguir sendo gratuíto; e o que era máis
barato, seguirá sendo barato" sentenciou Núñez Feijóo nesta quinta
feira. Defendeu o mandatario autonómico que co pagamento "o 60% dos
nenos non pagarán comedor". Unha porcentaxe que actualmente atinxe o 90%.
Feijóo asegurou que a decisión de estabelecer o copagamento parte da
filosofía de que "pague máis o que máis teña" e, asegurou, esta aposta
do goberno popular vai evitar "que co diñeiro dos parados se financie a
comida de nenos cuxos pais traballan". Mais o novo sistema vai obrigar a
pagar igual pola comida do seu fillo a unha nai que cobre 1.500 euros
ao mes que a un Amancio Ortega.
Aliás, unha de cada catro familias pasarán a pagar xa no vindeiro
curso o baremo máis alto (81 euros/mes por fillo) por este servizo. E
nese grupo darase unha gran diferenza de ingresos. Nada a ver co que o
conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, califica de "redistribución" e
"progresividade".
Contra o ensino público
Sindicatos e Anpas critican unha decisión que, entenden, vai contra o
propio dereito a un ensino público. O comedor escolar é indispensábel
para garantir o dereito á educación dos nenos que teñen que utilizar o
transporte público para a recibir. Unha situación nada rara nun país
como Galiza, cun alto garo de dispersión poboacional. "Se obrigamos a
pagar a eses nenos polo comedor, estamos a atacar o seu dereito á
educación", sosteñen desde CIG-Ensino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario