martes, 19 de marzo de 2013

IU lanza unha campaña a nivel nacional contra a reforma educativa. Cualifícaa de "segregadora e adoctrinadora".

Esquerda Unida puxo en marcha unha "campaña intensiva" a nivel nacional que, baixo o lema 'Lomce No', persegue a retirada do proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa ao considerar que se trata dunha reforma "antipedagóxica, segregadora, antidemocrática, adoctrinadora e mercantilista".
O obxectivo desta iniciativa é, en palabras do coordinador da Área Federal de Educación de IU, Enrique Díez, "que o Goberno do PP acceda a ter un debate público, con participación de todos os sectores do ámbito escolar, sobre as necesidades reais do sistema educativo e as medidas concretas que poden mellorar a súa calidade e a súa equidade".
Por este motivo, a campaña busca "ampliar puntos de encontro, xuntar vontades con asociacións, colectivos e organizacións do mundo da educación e impulsar amplas mobilizacións para conseguir a retirada do proxecto de lei", xa que a Lomce supón "outra vertente máis da ofensiva antisocial do PP, encabezada neste caso polo ministro José Ignacio Wert,".
Díez engadiu que "os cargos públicos de Esquerda Unida presentarán mocións contra a Lomce nos concellos e parlamentos autonómicos onde ten representación" mentres que os representantes de IU nos distintos Consellos Escolares promoverán tamén pronunciamentos destes órganos "esixindo a retirada deste proxecto de lei".
Tamén se impulsarán debates sobre a Lomce e propostas alternativas desta formación en "todas as comunidades autónomas, así como a nivel provincial, municipal e nos propios centros educativos", en colaboración con organizacións e colectivos contrarios aos recortes educativos.
Segundo Díez, "IU vai buscar a máxima coordinación coas Plataformas pola Escola Pública e coa campaña 'Por unha Escola Pública e Laica. A relixión fóra da escola', con vista a impulsar manifestos conxuntos e á organización de mobilizacións unitarias nas distintas autonomías".
Tamén sinalou que IU apoiará e participará "activamente" nas iniciativas e mobilizacións dos distintos sectores da comunidade educativa contrarios á Lomce que, a xuízo da formación, supón un ataque frontal á escola pública" cuxos efectos, nun período de entre oito a dez anos, se traducirán "na privatización xeneralizada da educación, fronte a un carácter residual e asistencial do ensino público".
Por último, distribuiranse materiais de apoio, como carteis, dípticos explicativos que se enviarán e repartirán nos centros públicos e un vídeo que se difundirá nas redes sociais. Así mesmo, creouse unha web específica ('http://lomceno.wordpress.com'), unha páxina en Facebook ('http://www.facebook.com/IUEducacion') e perfil en Twitter (@IUeducacion).

Ningún comentario:

Publicar un comentario