xoves, 14 de marzo de 2013

O repagamento nos comedores escolares, "máis un ataque ao dereito á educación"

Educación enmascara como "redistributiva" e "progresiva" a decisión de ampliar o repagamento nos comedores escolares a milleiros de familias. Desde CIG lémbrase que o alumnado que ten dereito a comedor gratuíto é o que utiliza o transporte público e vive lonxe do centro escolar, "un xeito de garantir o seu dereito á educación".

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, anunciou que a Xunta ampliará o repagamento dos comedores escolares nesta lexislatura, xustificando como "redistributiva" e "progresiva" unha medida que provocará que se antes o 88% dos e das nenas que non pagaban por ese servizo esa cifra vaia recortarse até o 56%. Vázquez calcula que unha de cada catro familias con fillos en idade escolar pagarán 4,5 euros o día, que é, indican, o custo do menú. E aliás, afirmou que ningunha familia mileurista pagará por este servizo. E que ía ampliar o número de prazas dos comedores e que, "de xeito paulatino" asumirá os comedores xestionados por ANPA
Mais esta visión do conselleiro non parece que convenza a sindicatos e colectivos de familiares de alumnado. Para Anxo Louzao, da CIG-Educación, esta medida supón un novo ataque a un dereito universal "como é a educación". Lembra que o conselleiro non pode enganar "nen facer demagoxia ou unha fraude á sociedade" ao falar destas cuestións. "Parece que todo alumno tend ereito a comedor gratuito, e non é así", explica Louzao.
O secretario nacional de CIG-Ensino lembra que "o alumnado que ten dereito a comedor escolar gratuito é o que ten que usar o transporte escolar para ir ao centro educactivo ou vive a máis de dous quilómetros e medio". O comedor, xa que logo, é un servizo que debe prestar a administración para garantir o dereito á educación deses alumnos, "que se non terían que ir e volver comer á súa casa, máis tempo no autobús".
Recortes
Desde que goberna Feijóo recortáronse máis de 400 millóns de euros en educación.
A central nacionalista lembra que o gasto en comedores escolares establecido nos orzamentos 2013, por volta de 28 millóns de euros, é semellante ao que nesas contas se dirixe ao profesorado de relixión. E acusa a Educación de recortar neste servizo público á vez que manteñen importantes cantidades a colexios privados e concertados (240 millóns de euros), mesmo a aqueles centros do Opus Dei que segregan por razón de xénero ao seu alumnado.
A decisión da Xunta de ampliar o copagamento nos comedores escolares tamén foi albo das críticas da oposición. BNG, AGE e PSdeG coincidiron end enunciar unha medida que supón máis un ataque a este servizo público: "Desde que goberna Feijóo recortáronse máis de 400 millóns de euros en educación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario