martes, 18 de novembro de 2014

Últimas horas para rexistrar un dominio .gal na Fase de Lanzamento

O pasado 16 de setembro a sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña anunciouse a comezo da Fase de Lanzamento do dominio .gal, período que remata mañá mesmo e que permite que grupos con dereitos preferentes poidan solicitar o seu nome de dominio co sufixo .gal sen ter que someterse ao criterio de orde de chegada que se aplicará unha vez iniciada a Fase Aberta o mes que vén. Temos así que as empresas, entidades e mesmo particulares que queiran garantir a activación do seu dominio .gal nas vindeiras semanas, evitando que alguén se lles adiante no rexistro, teñen agora unhas poucas horas para realizar os trámites que permítanlles optar por un dos primeiros dominios galegos na Internet, que serán os primeiros que se activen tras o Programa Pioneiros (que contou cun número moi reducido de dominios activados).
Os interesados en beneficiarse das condicións desta Fase de Lanzamento poden recorrer a unha serie de axentes rexistradores acreditados que figuran na páxina web do dominio .gal e que son as compañías que permite este rexistro prioritario que non hai que confundir coa oferta de pre-rexistro que ofrecen algunha destas empresas, e que consiste en intentar realizar o rexistro dos dominios solicitados nos primeiros minutos da Fase Aberta (o que carece de garantías de ningún tipo).
Durante as horas que restan da Fase de Lanzamento será posible realizar rexistros no .gal coa seguinte orde de prioridade:
1.- Marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH), unha base de datos de marcas internacionais establecida por ICANN, o organismo que goberna as direccións da Internet.
2.- Marcas do TMCH que non cumpran cos requisitos para usar un .gal, pero queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non activen inicialmente a súa páxina baixo os requirimentos de dominio .gal.
3.- Administracións públicas de calquera ámbito con competencia en Galicia e entidades de promoción da cultura e da lingua galegas. Institucións e entidades (consorcios, axencias, comisións, fundacións, asociacións etc.) poderán solicitar, entre outros, nomes xeográficos con relevancia, os propios nomes das entidades, o dos seus servizos en liña e as súas marcas rexistradas.
4.- Marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia. Tamén as denominacións de orixe rexistradas.
5.- Calquera que tivese ata agora unha web, un portal web etc, e veña promovendo a cultura galega e utilizando a lingua galega nas súas comunicacións en liña baixo outro dominio pode solicitar o seu propio nome ou o nome dos dominios rexistrados e usados.
No caso das Administracións públicas o prazo rematará o 25 de novembro. Os casos anteriores son os que optarían polo programa de Abrente, que conta con prezos axustados, mentres que quen desexe realizar un rexistro preferente e non cumpra coas condicións anteriores tamén poderá solicitalo dentro do programa Carreira, que como principal diferenza ten a ausencia de prioridade, de xeito que no caso de haber varias solicitudes para un mesmo nome de dominio decidirase o conflito mediante poxa.
Espérase que os dominios rexistrados nesta fase poidan activarse a partires do 2 de decembro, data na que se agarda a apertura xeral do rexistro de dominios .gal, de xeito que o dominio galego na Internet comezaría a operar con normalidade, culminando así un traballo de máis de 8 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario