 Todos os días do ano a Confederación Intersindical 
no seu conxunto e a Asemblea de Mulleres do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza) en particular 
maniféstanse radicalmente en contra de calquera forma de violencia 
contra as mulleres. Hoxe queremos ser a voz de todas aquelas a quen os 
verdugos machistas asasinaron e silenciaron.
Todos os días do ano a Confederación Intersindical 
no seu conxunto e a Asemblea de Mulleres do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza) en particular 
maniféstanse radicalmente en contra de calquera forma de violencia 
contra as mulleres. Hoxe queremos ser a voz de todas aquelas a quen os 
verdugos machistas asasinaron e silenciaron.
En todo o mundo a violencia contra as mulleres 
continúa a manifestarse de moi diversas formas e alcanza cifras 
insoportábeis. Como eses 603 millóns de mulleres que viven en países 
onde non se considera delito a violencia de xénero, os 2 millóns de 
nenas cuxa vida corre risco pola ablación ou os máis de 60 millóns de 
esposas-nenas. E nun ano en que quixeron arrebatarnos o noso dereito a 
decidir se queremos ou non ser nais, non podemos esquecer esas 47.000 
mulleres que morren cada ano no mundo por mor de abortos inseguros. 
Tampouco esquecemos o 70% de mulleres que sofren ou sufrirán violencia 
sexual na súa vida, tendo que aturar ser cuestionadas, ridiculizadas, 
revitimizadas.
No Estado español máis de 600.000 mulleres sofren 
maltrato acotío. En dezanove anos, máis de 1.311 mulleres foron 
asasinadas por homes que dicían amalas, sen contarmos todas aquelas que 
quedan fóra das estatísticas oficiais. Un número de asasinatos que tería
 que converter de seu o da violencia machista, o terrorismo machista, 
nunha verdadeira “cuestión de Estado”.
Mais fronte ao repunte da violencia machista que 
padecemos, o Goberno responde coa inactividade, con recortes 
orzamentarios, coa eliminación de contidos coeducativos ou coa supresión
 dos servizos de axuda de proximidade. O recorte do 28% en programas de 
prevención e axuda de violencia de xénero é clara evidencia da escasa 
importancia que esta lacra ten para este Goberno, sen esquecer a 
significativa repercusión que conlevan as recomendaciones publicadas 
dende o Ministerio de Interior para evitar as violacións, onde unha vez 
máis se corresponsabiliza, sutil pero implicitamente, ás mulleres 
violadas, sen aludir expresa e directamente aos delincuentes reais e 
únicos responsábeis do delito.
Logo dun verán sanguiñento, onde se pediu 
insistentemente a súa comparecencia e a adopción urxente de medidas para
 paliar esta sangría de feminicidios, anúncianos agora a ministra de 
Sanidade unha reforma da Lei Integral, cando - logo de dez anos 
implantada - nin sequera se desenvolveron os seus contidos, nin se dotou
 orzamentariamente. Anúncianos medidas que, en realidade, xa contén a 
propia lei e que non se puxeron en práctica. Cortinas de fume para 
distraer a atención do realmente importante. Porque o importante é que 
cada vez son máis as mulleres que sofren malos tratos, e malia iso non 
denuncian esta situación. Tras cada feminicidio quérese centrar a 
atención en se había ou non denuncia. A realidade é que as vítimas non 
teñen confianza nun sistema que as deixa abandonadas á súa sorte. A 
realidade é esa porcentaxe do 27% de mulleres asasinadas que 
interpuxeran denuncia e o desconcertante é que só no 9,8% dos casos de 
denuncias por maltrato se produza a condena ao agresor. Aumentan os 
asasinatos de mulleres, diminúen as denuncias e deixan de ditarse ordes 
de protección para as mulleres en risco. Aínda que semella obvio que un 
maltratador non pode ser nunca un bo pai, a custodia das menores e dos 
menores das mulleres vítimas de maltrato séguese dando case sempre aos 
pais, mesmo que haxa condena previa por violencia de xénero. Só nun 6,7%
 dos casos se suspende a garda e custodia e só nun 0,3% o rexime de 
visitas.
A cruzada do actual Goberno contra a igualdade 
reforza a ideoloxía máis misóxina e mantén nas súas poltronas a quen fan
 apoloxía da violencia contra as mulleres; elimina calquera contido 
educativo en materia de igualdade e prevención de violencia; desvirtúa o
 propio termo “violencia de xénero” e rebaixa a súa gravidade, reducindo
 ao pagamento de multas ou a simples sancións agresións que deberían ter
 unha resposta máis contundente. Ademais, coa reforma da Administración 
local acábase cos servizos de axuda máis próximos, agravando a situación
 das mulleres en contornas rurais. Acábase tamén co Instituto da Muller,
 desvirtuando totalmente as súas competencias.
Todas esas instancias son puntais básicos na 
prevención e loita contra a violencia machista. Como o son a formación 
do persoal que intervén en todo o proceso, como o son os protocolos de 
actuación entre diferentes administracións, como o é a educación como 
método de prevención. Unha sociedade que permanece impasíbel diante da 
execución dunha media de 70 mulleres ao ano é unha sociedade que 
necesita un profundo cambio.
Por todo isto, esiximos:
- A consideración do terrorismo machista como cuestión de Estado e a adopción inmediata das medidas para erradicalo.
- A reposición e reintegro de todas as partidas orzamentarias, programas e fondos en materia de prevención e de asistencia ás vítimas da violencia de xénero.
- O investimento en programas de igualdade, educación e formación, así como en campañas de prevención, alicerces básicos da loita contra a violencia machista, incluíndo a educación afectivo-sexual como instrumento para reforzar a autoestima persoal e para contribuír a detectar e prever calquera indicio de violencia de xénero desde as idades máis temperás.
- A garantía do dereito ao traballo para as mulleres en igualdade de condicións cos homes, con protocolos de actuación fronte á violencia machista.
Por elas, polas nenas e nenos que tamén foron asasinados.
Nós non estamos mortas, nin caladas.
¡NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!
Galiza, 25 de Novembro de 2014
Asemblea de Mulleres do STEG
Asemblea de Mulleres do STEG
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario