venres, 14 de novembro de 2014

Aberto o prazo de inscrición para o concurso de estudantes Curtas co móbil

Condiciona a tecnoloxía os cambios que sofren os lugares onde vivimos? A resposta é si, e de que xeito? Estas cuestións son a base sobre a que se asenta o certame organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) dentro da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da nova estratexia tecnolóxica da Xunta. Estamos a falar do concurso Curtas co móbil, da Axenda Dixital de Galicia 2020, unha proposta encamiñada a mozas e mozos galegos matriculados na ESO ou Bacharelato (de 14 a 18 anos).
E cales son os obxectivos desta proposta? Pois explorar a creatividade audiovisual da mocidade a través da gravación de curtametraxes, fomentar o traballo en equipo e o uso da lingua galega, así como sensibilizar sobre a importancia do desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade e dar a coñecer a estratexia tecnolóxica global impulsada pola Xunta de Galicia.
A participación poderá ser de xeito individual ou por grupos dun máximo de 5 persoas, e amosar a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde se visualice como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Cadanseu equipo designará un titor que forme parte do persoal docente do centro educativo. A súa tarefa será velar polo cumprimento das normas do concurso e levar a cabo a inscrición e a entrega das curtas para o concurso.
En canto ao prazo de presentación de solicitudes e os seus correspondentes vídeos, dicir que fica aberto dende onte até o 30 de novembro de 2014.
Os centros educativos interesados en participar, poderán realizar a súa inscrición de balde a través do formulario en liña dispoñíbel no blog XenteDixital. Xunto ao cumprimentado do formulario o titor do equipo deberá achegar a ligazón ao vídeo, previamente subido a unha canle de YouTube do centro educativo ou do titor.
Os vídeos recibidos publicaranse en XenteDixital e nas redes sociais da AMTEGA e serán valorados por un xurado especializado no eido da Sociedade da Información e as novas tecnoloxías, formado por 2 representantes da AMTEGA, 1 representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionará os cinco vídeos finalistas.
Os vídeos finalistas serán publicados en Facebook, dentro do apartado Elixe o vídeo finalista do concurso!, no que calquera internauta que o desexe poderá votar. Os vídeos gañadores serán os dous que máis Gústame! obteñan dentro do apartado.
E cal será o premio? Consistirá nunha tableta para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitableta para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os dous vídeos serán publicados como gañadores en XenteDixital e en Facebook.

Ningún comentario:

Publicar un comentario