venres, 28 de novembro de 2014

Carmen Perona presenta en Galicia un libro para axudar os docentes a defenderen os seus dereitos laborais

  • A obra preséntase hoxe xoves, 27 de novembro, na Facultade de Relacións Laborais de Santiago de Compostela

O 27 de novembro, terá lugar ás 18 h, en Santiago de Compostela, a presentación do libro "«Práctica docente. El derecho en defensa de tus derechos», de Carmen Perona. O acto desenvolverase no salón de graos da Facultade de Relacións Laborais (Campus Vida).

O libro, que se pode descargar de balde na web de CCOO-Ensino de Galicia, é unha obra eminentemente práctica que forma e asemade informa; que dá resposta aos problemas cotiáns que se lle poden presentar a calquera docente na súa carreira profesional. Temas en ocasións tan conflitivos como poden ser o acceso e mobilidade, permisos e licenzas, retribucións, maternidade e paternidade, réxime disciplinario, delitos específicos dos funcionarios, incompatibilidades, responsabilidade xurídica, protección de datos, autoridade do profesorado, MUFACE ou pensións de clases pasivas, entre outros asuntos.

Defenderse dos ataques

A autora de Práctica docente, Carmen Perona, é a responsable do Gabinete Xurídico da Federación estatal do Ensino de CCOO. A decisión de escribir este libro débese ao empeoramento das condicións salariais, laborais e profesionais dos docentes tras a chegada do PP ao poder. En opinión de Perona, o coñecemento dos dereitos e deberes que asisten o profesorado converteuse en peza clave para defenderse dos continuos ataques que está a sufrir por parte da Administración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario