martes, 18 de novembro de 2014

LOMCE, con c de calidade?

Un dos aspectos máis comentados e criticados da LOMCE, a nova lei educativa, é a implantación de probas ou reválidas que sirvan como mecanismo de avaliación tanto do alumno coma do profesor que imparte a materia. Neste sentido, é moi complicado de xustificar o novo real decreto de especialidades do Ministerio de Educación, no que se permite que profesores non especialistas poidan impartir materias para as que non están preparados. No caso da miña especialidade, Economía, un profesor de Filosofía, de Matemáticas ou de Historia podería impartir materias de contido económico co conseguinte prexuízo para o alumno que despois ten que superar as devanditas reválidas. Quen será o responsable entón do seu suspenso?, quen será o culpable de que o alumno non obteña o seu título de Graduado en Secundaria ou de Bacharel?
En educación, a especialización é un requisito necesario para alcanzar a excelencia que pregoa esta lei. Non sacrifiquemos este obxectivo en prol de criterios organizativos. Como di o refraneiro popular: zapateiro, aos teus zapatos. Todos sairemos gañando, os alumnos os primeiros. - José Carlos Garrido García.

Ningún comentario:

Publicar un comentario