xoves, 27 de novembro de 2014

CIG-Ensino denuncia o conselleiro de Educación perante a Fiscalía por “prevaricación” e “malversación de caudais públicos”

O sindicato pide que se devolvan os 12 millóns de euros entregados pola Consellaría a centros que segregan por razón de xénero.

A CIG-Ensino presentou perante a Fiscalía unha denuncia contra o conselleiro de Educación por presunta malversación de caudais públicos e prevaricaricación. Anxo Louzao, secretario nacional, denunciou que malia haber sentenza firme declarando ilegais os concertos cos centros que segregan o alumnado por razón de xénero, esta non foi aínda efectivizada. Son, afirmou, 12 millóns de euros os que teñen que ser restituídos e que iso permitiría dotar o ensino público con 220 docentes máis.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha sentenza firme estimando o recurso presentado pola CIG-Ensino polos concertos asinados entre os anos 2009-2013, na que se afirmaba que “non se pode comprometer, por vía de concertos, diñeiro público máis alá dos supostos estabelecidos na lei” e que había que restituír ese diñeiro para ás arcas públicas. 
Unha vez coñecida a sentenza a central nacionalista remitiu un escrito á consellaría de Facenda para que eses 12 millóns de euros que levaron estes centros ligados ao Opus Dei revertera nas arcas públicas. “Van alá máis de tres meses, Educación deu a calada por resposta e por iso, agora acudimos á Fiscalía”.
Para Anxo Louzao non se pode aceptar que un conselleiro de Educación “estea ao servizo exclusivamente destes centros retrógrados, que teñen un ideario de centro que é un obstáculo contra a igualdade de xénero, para loitar contra a violencia de xénero e para o ensino coeducativo”.
A CIG-Ensino ten tamén recorridos os concertos do ano 2013 ao 2017, porque se asinan cada catro anos.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario