xoves, 13 de novembro de 2014

Cultura e Educación convida a celebrar o Mes da Ciencia en Galego cunha completa programación de actividades nas bibliotecas

As bibliotecas públicas das cidades galegas e as bibliotecas escolares das catro provincias convértense nos principais escenarios desta celebración, que inclúe exposicións, conferencias, obradoiros, ciclos de cine, mostras bibliográficas, coloquios, guías de lectura, espectáculos de maxia e teatro, concursos e sesións de xogos para celebrar o Mes da Ciencia durante as próximas semanas.
Ler e vivir a ciencia en galego
Para ler e vivir a ciencia en galego, a Biblioteca de Galicia e bibliotecas públicas galegas ofrecen múltiples propostas para animar a grandes e pequenos a conmemorar o Mes da Ciencia, que se poden consultar na axenda de Cultura da Xunta de Galicia, na páxina web www.cultura.gal/axenda.
Coloquios e conferencias
Nesta programación conmemorativa non faltarán os coloquios e as conferencias, como a que ofrecerá en Lugo o científico Ángel Carracedo, que afondará no impacto que o coñecemento do xenoma está a ter noutras disciplinas como a xustiza, a medicina ou mesmo o coñecemento da historia. O biólogo do Centro Oceanográfico da Coruña Manuel Vázquez Brañas abordará na cidade herculina a investigación sobre o mar e os océanos, mentres que, na capital de Galicia, o profesor Ramón Cid falará do CERN, o Laboratorio Europeo de Física de Partículas Elementais.
A importancia da transferencia de información entre científicos e sociedade centrará a conferencia que o profesor Luís Navarro ofrecerá na cidade compostelá, onde tamén se desenvolverá a charla-coloquio "Videoxogos, tecnoloxía e familia", a cargo de Imaxín.
Obradoiros científicos
Os obradoiros científicos serán outros dos protagonistas desta programación, con propostas como as que promoverá a Biblioteca de Galicia para viaxar por diferentes pratos do menú dun castro a través da arqueoloxía, para descubrir os segredos que agocha o sal de mesa e para experimentar co carbono. Tamén en Santiago de Compostela, a biblioteca Ánxel Casal organizará obradoiros infantís de ábaco e cálculo mental, xunto con actividades de divulgación da astronomía para todas as idades en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.
Os nenos e nenas que se acheguen á biblioteca pública de Lugo terán ocasión de aprender outras formas de cociñar, como fritir un ovo sen aceite e sen calor, mentres que a biblioteca pública de Ourense se converterá nun laboratorio de experimentos para que os rapaces e rapazas descubran o científico que levan dentro. Na biblioteca pública o obradoiro "Ciencia e maxia" terá como fío condutor a figura do Padre Feijoo, no ano no que se conmemora o 250 aniversario do pasamento do frade bieito.
Propostas audiovisuais
O audiovisual tamén estará presente nesta celebración a través de ciclos de cine como o que acollerá a biblioteca pública de Ourense, organizado polo Cineclube Padre Feijoo en colaboración co Instituto Goethe; así como coas proxeccións de dous audiovisuais sobre os polbos e os cabalos de mar na biblioteca Juan Compañel.
Espectáculos de maxia e teatro
As actividades tampouco se esquecerán da maxia e do teatro. A Biblioteca de Galicia abrirá a súa programación dedicada á ciencia coa peza teatral Que traballo tan curioso, para público familiar, mentres que a biblioteca pública de Lugo ofrecerá o espectáculo "O que a maxia esconde", con divertidos trucos centrados na auga.
Diversas mostras bibliográficas e exposicións sobre temáticas coma a vida dos romanos e dos castrexos, a necesidade de protexer os ecosistemas mariños, así coma os inventos que revolucionaron o mundo, entre outras, completan a programación nos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia de xestión autonómica.

Máis información no web da SXPL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario