venres, 28 de novembro de 2014

“O profesorado sabe que a CIG-Ensino é a súa aliada contra a política dos recortes"

O vindeiro 4 de decembro, 30.336 ensinantes teñen dereito a participar nunhas eleccións das que sairán 140 delegad@s sindicais. Nas anteriores eleccións, CIG-Ensino situouse como primeira forza co 43% de representantes. O seu secretario nacional, Anxo Louzao, fai balance destes catro anos e fala dos obxectivos de cara aos vindeiros. 

-O 4 de decembro están chamados ás urnas 30.336 ensinantes, 2.044 menos que nas pasadas eleccións. Que supón ese descenso no censo electoral?
Vén certificar o resultado da política do PP. O denominador común da política educativa do goberno galego foi a destrución de emprego e os recortes no ensino público. A esta cifra haberíalle que engadir os mil que se suprimiron no curso anterior co que estaríamos nun descenso de arredor de tres mil ensinantes. Porén, nestes catro anos xubiláronse houbo preto de 4.000 xubilacións e a oferta de emprego foi de pouco máis de cincocentas prazas. Deixa á vista tamén a mentira permanente do Conselleiro de  Educación que  repetidamente  afirma que as reduccións do profesorado foron mínimas.
-Por que son importantes estas eleccións?
Porque non só miden a representación que vai ter cada organización senón tamén o grao de compracencia ou rexeitamento da política educativa da Xunta. Neste sentido, entendemos estas eleccións como unha maneira de amosar a oposición a todas as afrentas e o linchamento ao que foi sometido o profesorado  nestes anos. Tamén mostrará o rexeitamento da LOMCE e, en termos xerais, á unha política educativa que insistiu en recortar un servizo básico elemental como é o ensino. A CIG, nese sentido, é un inimigo a bater por parte da propia Consellería. O propio conselleiro ten manifestado que vería con preocupación o avance da CIG-Ensino. As eleccións medirán tamén a forza que teremos para continuar a loita por conseguir os nosos obxectivos. O profesorado co seu voto evidenciará o grao de rexeitamento aos ataques que recibiron os noso dereitos laborais e salariais, as conquistas sociais, os servizos públicos  e o noso idioma e evidenciarán  o repudio a unha consellería autoritaria, antigalega, submisa aos mandatos de Madrid. O profesorado pode, co seu voto, condenar os recortes da política educativa e afortalar a loita contra a LOMCE.
"Estas eleccións como unha maneira de amosar a oposición a todas as afrentas e o linchamento ao que foi sometido o profesorado  nestes anos. Tamén mostrará o rexeitamento da LOMCE"
-No balance destes catro anos, vostedes destacan o teren convocado nove folgas, centenares de actos de protesta e promovido 12.000 asembleas nos centros. 
O modelo de organización sindical da CIG ten a súa trabe no contacto directo, a pé de obra, co profesorado. Estivemos á fronte dos conflitos e conseguimos que o profesorado vira que estabamos ao seu lado e que eramos unha ferramenta imprescindíbel. As 12.000 asembleas son a mostra que certifica o noso modelo sindical, que se opón ao modelo de representación pouco democrático que impón a Consellería que deseña unhas eleccións con carácter provincial e non por centro de traballo. Este traballo diario debuxa tamén unha fenda importante coas outras organizacións sindicais e mostra modelos diferentes. Para nós o profesorado é o protagonista e iso explica a nosa actividade nos centros. Propiciamos, promovemos  e esforzámonos en conxugar a máxima forza posíbel para combater os ataques aos que fomos sometidos, os recortes e a destrución do ensino público. A CIG-Ensino canalizou  a maior parte da conflitividade educativa con nove folgas, peches, concentracións, manifestacións  recollida de sinaturas e todo tipo de mobilizacións.  A mostra de que se valora o noso traballo é que o profesorado -moitas veces, e non de forma anecdótica, mesmamente a afiliado a outras organizacións- recorre á CIG para resolver os seus conflitos. No traballo destes catro anos temos que destacar o referendo que levamos a cabo contra os recortes, a ampliación de horarios e en oposición a que o profesorado custodiara ao alumnado que é transportado Participaron preto de 20.000 docentes de 863 centros nunha consulta que foi promovida pola CIG -co rexeitamento dalgunhas organizacións- e que supuxo unha lección e participación e democracia na media en que foi autoxestionado polo propio profesorado dos centros.
-Outra das liñas de actuación foi a presentación no Parlamento de Iniciativas Lexislativas Populares. Con que obxectivo recorren a esta vía?
Presentáronse tres iniciativas lexislativas e rematamos a recollida de sinaturas da cuarta. O obxectivo era mostrar o apoio social e levar ao parlamento a protesta contra a liquidación de Preescolar na casa, contra o plus dos altos cargos ou pola creación de emprego. Algunhas con carácter máis específico e outras de maneira máis global, todas repercuten no ensino como servizo público. De aprobarse  a que está pendente de defenderse no parlamento  que promove a restitución dos dereitos  laborais e retributivos  do profesorado e a mellora da calidade do ensino suporía unha revolución na educación de Galiza. O seu articulado recolle, amais  da mellor e recuperacións dos salarios e dereitos do profesorado todo unha batería de propostas que  fixan os alicerces dun  modelo educativo galego, inserido na  realidade nacional, público, laico , coeducativo, gratuito , democrático.
-Os conflitos polo ensino pasaron en repetidas situacións neste tempo polos xulgados. Que alcance ten esa medida e en que situación sitúa á Consellería de Educación?
Neste tempo gañamos dezasete sentenzas en distintas instancias dos tribunais que repercuten positivamente no conxunto do profesorado e do sistema educativo galego, ademais de numerosas reclamacións individuais. A carencia absoluta de vontade de negociación da Consellaría levounos a botar man como última medida dos tribunais, non porque nos defendamos que é onde se teñen que dilucidar os conflitos laborais e  educativos mais, en moitos casos, foi o único camiño que nos quedou cunha administración do PP que negou o mínimo diálogo en todo este tempo. O Tribunal Supremo estimou o recurso presentado pola CIG-Ensino, declarando ilegais os concertos  educativos desde o ano 2009 ao 2014 a  centros que segregan alumnado  por razón de xénero. Tamén temos recorridos  os outorgados no 2013 até 2017. Posteriormente aprobouse a  LOMCE que vén dar carta de legalidade a subvención a estes centros que se asentan en idearios de centros reaccionarios  . Reclamamos que os doce millóns de euros que saíron da administración do 2009 ao 2013 volvan ao erario público porque foron cartos concedidos  de forma ilegal a estes centros.  Por iso presentamos denuncia diante da fiscalía e o xulgado de garda para  que ese diñeiro volva as arcas públicas. A CIG gañou a sentenza para que o profesorado puidera ter recoñecemento médico anual, tamén a sentenza contra o decreto do plurilingüísimo  e diferentes sentenzas que declararon nulos os despedimentos do profesorado do CELGA, entre outras moitas.
"As instancias xudiciais coas súas sentencias falan tamén da pouca lexitimidade que ten este Conselleiro. É difícil atopar un mandatario que atesoure tantas actuacións ilegais e actitudes represivas".
-En que situación deixan estas sentenzas ao Conselleiro?
Con esta bagaxe o normal sería que o Conselleiro estivera encausado por prevaricación. Se tivera dignidade razóns non lle faltarían para ter presentado a dimisión. As instancias xudiciais coas súas sentencias falan tamén da pouca lexitimidade que ten este Conselleiro. É difícil atopar un mandatario que atesoure tantas actuacións ilegais e actitudes represivas. A propia páxina oficial da Consellería, un portal institucional que ten como obxectivo formar e informar, foi usado como arma arroxadiza contra a CIG e fomos citados con calumnias obxectivábeis e falsas informacións. Estamos ante un conselleiro con submisión total de vasalaxe cos mandatos de Madrid que pon a Galiza como centro de experimentación como se comprobou na propia LOMCE. Nestes catro anos, o único polo que se pode recoñecer é pola destrución do ensino público en beneficio do privado.
-A LOMCE estivo no centro das mobilizacións. Cal será a súa posición ao respecto da lei de cara ao futuro?
 Levamos a cabo dúas folgas en contra desta lei e foron númerosas as mobilizacións, accións e actos  que desde a plataforma galega endefensa do ensino público levamos a cabo pala combatila. Non cexaremos até que a lei sexa derogada.  Foi e será sendo  unha loita permanente. Temos propostas para tentar que a súa aplicación sexa o menos nociva posíbel, mais o obxectivo é a súa derrogación porque o resultado da LOMCE é un ensino clasista, que desbota a igualdade de oportunidades e liquida o dereito á educación. Como denunciamos, españoliza máis o noso sistema educativa e potencia a confesionalidade do ensino, é privatizadora e elimina calquera vestixio de xestión democrática. Bebe e nace dos postulados do neoliberalismo como se pode comprobar con claridade nos principios modelo de xestión,  os currículos  e a creación de  determinadas materias. A lei pensa o ensino como unha mercadoría máis á que só uns cantos poden acceder. En lugar de actuar para minguar as diferencias sociais o que fai é acrecentalas. O combate á lei, coa galeguización do ensino , a defensa  do ensino público e dos dereitos laborais dos ensinantes serán eixos do noso traballo futuro.
-A campaña que están a desenvolver fita neses obxectivos como puntos de atención?
 Amais baseamos a campaña en facer un balance do noso traballo nestes catro anos, queremos dar conta del porque foi o que sementamos. A importancia e necesidade dun modelo sindical galego, combativo, participativo, sen hipotecas,  nin sometido a decisións alleas e para nós, tamén,un punto de atención  nesta campaña  . Procurar un sistema educativo galego mediante a aprobación dunha lei  galega de educación que dedique o 7% do PIB ao ensino, combater a política educativa españolizadora, derrogar o decreto de plurilingüismo e aplicar o plan xeral, reducir o número de alumnado por aula , dotar os centros de profesorado suficiente en todas as especialidade e facer fronte a atención a diversidade, supresión da taxas de reposición, a gratuidade  dos libros de texto , etc   de  son algúns dos nosos obxectivos. A loita  contra os concertos educativos, contra a LOMCE, por outro modelo de representación e a restitución e mellora dos dereitos laborais conxuntamente coa estabilidade dos postos de traballo, a recuperación dos nosos salarios, pagas extras e horarios, o dereito a xubilarse anticipadamente e o dereito a formación continúa  son outras das reclamacións que seguirán conducindo a nosa actividade sindical.  En definitiva, a consecución dun Estatuto Galego do Profesorado que recolla as  ás reivindicacións laborais e profesionais do profesorado e unha Lei Galega da Educación  que, partindo da ILP que proximamente imos defender no parlamento, garanta a galeguización do ensino,  a gratuidade da educación  e  a igualdade de oportunidades.
-A CIG ten na actualidade a representación do 43%, que obxectivo se marca de cara as vindeiras eleccións?
O noso obxectivo é consolidalos e, a ser posíbel, acrecentalos aínda que os de hai catro anos foron uns bos resultados que demostraron que o profesorado recoñece o noso traballo. O resultado destes catro anos a nivel laboral para o profesorado é de menos salario e máis traballo, cada vez con máis dureza. Na medida en que nestes catro anos plantámoslle cara aos conflitos e saben que estamos a súa beira, o apoio tería que consolidar o obtido hai catro anos. O traballo feito é o noso aval.

Ningún comentario:

Publicar un comentario