luns, 17 de novembro de 2014

As futuras vocacións científicas pasan por Galiciencia

A maior feira científica de Galicia, Galiciencia, celebrará unha nova edición entre o 19 e o 21 de novembro en Tecnópole, en Ourense, por onde se calcula que pasarán máis de dúas mil persoas. Ao igual que outros anos, a parte máis importante do evento será a participación de estudantes de centros de ensino de primaria, que presentará un total de 64 proxectos innovadores. Nesta edición, ademais, a principal novidade será a participación de alumnos e alumnas de Primaria, que defenderán as súas propostas nunha sección especial.
Entre os 64 proxectos que se presentarán na feira destacan unha cúpula para bicicletas, unha aplicación móbil para aparcar o coche ou un sistema para cultivar leitugas mediante luces LED. Outro dos equipos traballou nun sistema antirroubo para mochilas mediante tecnoloxía RFID. Outro elaborou prototipos de plástico biodegradable utilizando como materia prima leite de orixe animal. Un grupo de Ortigueira presentará o proxecto de construción do prototipo de robot submarino Tecnorov. Outro traballou nun freo de seguridade para cadeira de bebé e outro elaborou un estudo sobre o policultivo entre o Mitylus G e as algas laminarias na ría de Vigo.
Algúns dos proxectos buscan responder a hipóteses e preguntas do tipo "Comer chicle ao tempo que facemos un exame mellora os resultados?", "Cheira igual a mesma colonia en diferentes persoas?", "Que nivel de ruído soporta un adolescente no instituto?" ou "Os videoxogos son beneficiosos para a nosa capacidade de concentración?".

Actividades paralelas

A feira ofrece unha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España a través de varios obradoiros orientados a diferentes idades. Neles os participantes experimentarán cos cristais e coñecerán cales son os procesos biotecnolóxicos tradicionais da agricultura familiar, unha actividade que conta con máis de 500 millóns de explotacións en todo o mundo. Estes talleres complementaranse con actividades de planetario e robótica LEGO para os máis pequenos e un obradoiro de tecnoloxías punteiras para os maiores, xunto cunha charla sobre a relación entre a ciencia e a música que poderá seguirse online desde calquera centro educativo de Galicia.
Ademais, a Fundación Barrié ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a iniciativa educaCiencia e levará á Tecnópole a exposición de fotografía InvestigArteA feira enmárcase na Semana da Ciencia en España, organizada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria. Entre o mércores e o venres a feira permanecerá aberta de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario