xoves, 20 de novembro de 2014

A obra gráfica de Castelao terá o seu espazo na Rede

Hai figuras tan sobranceiras que as palabras para falar delas sempre resultan escasas. É o caso de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un home cheo de valores a subliñar e sempre ao servizo da súa terra. Considerado o pai do nacionalismo galego, Castelao salientou en moitas vertentes pois (alén de estudar Medicina) foi narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego. Da prolífica carreira deste rianxeiro moito se ten falado mais, até o de agora, ninguén reparara na necesidade de elaborar un estudo conxunto da súa obra gráfica coa que afondar na súa faceta de artista e analizar a evolución da súa traxectoria como ilustrador. Co fin de poñerlle remedio a isto naceu un proxecto da man da Universidade de Vigo: Castelao. Obra gráfica. A construción dun discurso estético, político e social transoceánica.
Liderado pola catedrática emérita Mª Victoria Carballo-Calero, chega ao seu seu fin cun obxectivo claro: levar a cabo un estudo minucioso da parte gráfica do escritor e facer un inventario dos fondos de ilustracións en libros e revistas de vangarda en Galicia, até o de agora espallados en bibliotecas públicas e privadas.
Así, dentro do proxecto, e como punto fundamental para garantir a protección, difusión e investigación da obra do artista, os investigadores do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Facultade de Historia de Ourense acaban de crear unha páxina web que serve de “quilómetro cero a partir do que ir pendurando a recompilación da obra gráfica de Castelao para que se poida consultar ou mesmo descargar e con toda a información de cada unha das imaxes”, como explicaba o seu deseñador, José Luís Orge.
A dixitalización deste catálogo permitirá elaborar unha base de datos en liña útil tanto para a investigación coma para a ensinanza. “Neste intre estamos subindo moitas imaxes que non son tan coñecidas e que son moitas. E todo grazas ao traballo de baleirado de xornais e revistas da época”, salienta Carballo-Calero, que dirixe ao equipo de investigadores conformado por Susana Cendán, Diana Vilas, Marta López, Yolanda Barriocanal e Roberto Vázquez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario