luns, 24 de novembro de 2014

Marga Corral: “Estamos fartas de que se poña o acento nas vítimas, hai que ir á orixe dos comportamentos agresivos”

En 2009 a Xunta destinou ao programa de accións para a Igualdade, protección e promoción da muller 32 millóns € e en 2015 destinará só 5,8 millóns €

Sete mulleres foron asasinadas en Galiza, no que vai de ano, vítimas da violencia machista. No primeiro semestre había 2.569 denuncias presentadas por esta causa. Estaban ademais en vigor 5.277 ordes de protección e os xulgados comunicaron 402 medidas de protección e afastamento. A rede de centros de acollida tivo, no primeiro trimestre, unha ocupación media do 62,41%, prestando servizo a 140 persoas, 77 mulleres e 63 menores, e recibiron atención psicolóxica por violencia machista 226 persoas. Malia isto reducíronse os orzamentos, sobre todo os destinados a igualdade, protección e promoción da muller que pasaron de 32 millóns € en 2009, a tan só 5,8 millóns en 2014.
Galería de imaxes

Así o denunciou a secretaria das Mulleres da CIG na presentación da campaña que arredor do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, vén desenvolvendo a central sindical.
Unha campaña na que se lembra ás 7 mulleres galegas asasinadas a mans das súas parellas e exparellas. “Na súa honra, durante todo o mes de novembro nos locais sindicais da CIG das 7 cabeceiras de comarca colocaremos 7 siluetas dun metro sesenta de altura, identificadas co seu nome e o nome de quen as asasinou, en lembranza e homenaxe ás 7 vítimas do machismo”, explicou Corral.
Con todo, a secretaria das Mulleres da CIG asegurou que “estamos fartas de que se poña o acento nas vítimas, hai que ir á orixe dos comportamentos machistas”. Por iso no decurso desta campaña a CIG tense marcado o obxectivo de visibilizar publicamente este feminicidio, identificando comportamentos, actitudes e ideas discriminatorias, que forman parte da cultura da violencia contra as mulleres, entendendo que “para erradicar a violencia machista é preciso detectar o machismo, crear conciencia e mudar condutas”.
A pretensión da secretaría das Mulleres é que cada quen, mulleres e homes, fagan unha auto avaliación, identificando actitudes habituais que agochan un claro ou sutil machismo, “xeitos non evidentes de reproducir roles sexistas”, tendo presente que o machismo non é só a agresión física a unha muller. “A violencia non só implica golpes, tamén inclúe as ameazas, a arrogancia, as descualificacións, a discriminación, o abuso verbal, o abuso emocional, o acoso...”, afirmou.
Corral fixo un repaso aos demoledores datos oficiais recentemente publicados no Informe de impacto de xénero dos Orzamentos da Xunta de Galiza 2015, elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Datos que, en todo caso denunciou que só teñen relación coa violencia entre a parella, dado que a lexislación vixente exclúe das estatísticas outros casos de violencia de xénero como o feminicidio cometido fóra da relación de parella, a violencia sexual, os abusos ou o acoso, entre outros, malia o propio Ministerio do Interior recoñecer que a violencia sexual fora da parella se incrementou.
Recortes orzamentarios
Para Margarida Corral é especialmente grave que malia a situación retratada os distintos gobernos, en Galiza e no Estado, continúen cos recortes nos programas e políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
A este respecto sinalou que os orzamentos do Estado para o ano 2015 contemplan unha redución dun 34,2% do Orzamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para o vindeiro ano e subliñou que “as partidas para servizos sociais e promoción social sufriron unha redución dun 36%, mentres se incrementa o traballo doméstico derivado dos recortes na atención a menores e dependentes, da desaparición dos comedores escolares, da concentración dos horarios escolares, dificultan a conciliación”. Un impacto de xénero que “non se ten en conta nos orzamentos”, dixo.
Do mesmo xeito denunciou que tampouco se inviste o suficiente para poder desenvolver a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero, destinar unha partida aos concellos co obxecto de que poidan garantir os servizos de atención ás mulleres, e contemplar unha partida específica para desenvolver o artigo 3 da Lei Integral, facendo campañas de sensibilización e prevención na educación e na sanidade. Uns orzamentos que “deberían recoller as recomendacións e propostas contidas na Memoria da Fiscalía e nos informes do Consello Xeral do Poder Xudicial, poñendo en marcha medidas xa contempladas na lei como a implantación das Unidades de Avaliación Forense Integral, ou a necesidade de abordar os problemas que xera o dereito de dispensa da Lei de Enxuizamento Criminal, e suspendendo aqueles cambios normativos nesta materia proxectados noutras leis como a reforma do Código Penal, porque non é o lugar onde facer cambios, senón que deben realizarse na propia Lei Integral”.
32 millóns de € para o programa de igualdade, protección e promoción da muller en 2009 e só 5,8 millóns en 2015
No caso dos orzamentos da Xunta de Galiza, especificou que o Programa de Conciliación da vida persoal e laboral e outros servizos de protección social mantén orzamento respecto ao pasado ano: 1,2 millóns de euros (era de 5.2 millóns no ano 2009), mais “só contén accións dirixidas a favorecer a corresponsabilidade dos homes, a través de campañas de sensibilización, xunto coas axudas á redución de xornada para homes e familias monoparentais, sen que se invista en servizos públicos de atención ás crianzas e persoas dependentes”.
A isto engadiu que “carece de transversalidade, non se vincula con ningunha outra iniciativa dirixida a consolidar poboación, tendo en conta o descenso demográfico e a desorbitada cifra de emigración da poboación galega en idade fértil.
Apuntou o lixeiro incremento do Programa de Protección e apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero, que pasa dos 2.9 millóns a 3,4 millóns de euros, que na súa meirande parte vai destinado a campañas de sensibilización e denunciou especialmente o enorme recorte que sofre o Programa de accións para a igualdade, protección e promoción da muller pasa de 6.2 millóns a 5.8 millóns de euros. “Hai que lembrar que no ano 2009 esta partida era de nada máis e nada menos ca 32 millóns de euros”.
Paralizado desde hai 16 anos o Plan Integral de Atención á Muller do SERGAS
Foi Carme Aira, da CIG-Saúde, quen analizou a situación en materia de atención sanitaria. A este respecto denunciou que o orzamento do Plan Integral de Atención á Muller de hai 16 anos, cando Feijoo era o Xerente executivo do Insalud, era maior ca o de agora, e que o plan estaba mellor deseñado ca o actual.
Aira salientou que a prevención da violencia machista está contemplada dentro dos orzamentos destinados á sanidade, pero denunciou que o está “só no ámbito de atención á muller, obviando a transversalidade do problema (prevención no ámbito educativo, social...) e a necesidade de abordalo tendo como destinatarios os homes”.
Tendo en conta esta situación e a necesidade de que se visibilice o problema, a secretaría da Muller da CIG ten convocadas concentracións para o propio día 25 de novembro nas 7 cidades. Concentracións nas que se portarán as 7 siluetas das 7 galegas mortas por mor da violencia machista.
Concentracións
A Coruña: ás 12 horas diante da Confederación de Empresari@s, en Monelos
Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
Compostela: ás 12 horas diante do Gadis da Rúa Nova de Abaixo (ao carón da praza de Vigo), en resposta ao acoso laboral contra unha traballadora logo de exercer o seu dereito á reducir á súa xornada de traballo por garda legal dun fillo con diversidade funcional.
Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo
Ourense: ás 12 horas diante do local sindical
Lugo: ás 11:30 horas diante do edificio administrativo da Xunta, na Ronda da Muralla,
Vigo: ás 19 horas no Marco o día 24 de novembro, coincidindo co peche do curso de Empoderamento.
INFORME 2014
DÍPTICO

Ningún comentario:

Publicar un comentario