O centro abre o prazo para o taller de creación literaria » Sorteará dúas cestas entre os seus usuarios de decembro » Dous contacontos e talleres infantís completan o seu programa.
A biblioteca abrirá o vindeiro luns, día 1 de decembro, o prazo para inscribirse no taller de creación literaria nas modalidades de narrativa e poesía, que volverá impartir o escritor Luís González Tosar. As clases comezarán o día 7 de xaneiro e desenvolveranse todos os venres ata o mes de marzo, en horario de 20.30 a 22.15.
Ademais, todos os usuarios do centro que leven un libro de préstamo a partir do 1 de decembro entrarán no sorteo de dúas cestas de Reyes, unha para nenos e outra para adultos. Cada un deles cubrirá unha casa -numeradas de 01 a 100- e os gañadores serán os que coincidan cos dous últimos números do gordo da Lotería.
A biblioteca programa varias actividades específicas con motivo das vacacións escolares do Nadal. Así, o luns 22 de decembro, ás 10.30 horas, celebrarase un taller de creación do biblio-árbore de Nadal, no que poderán participar nenos de entre 8 e 10 anos. Ao día seguinte, martes 23, á mesma hora, o contacontos Anxo Moure estreará en Lalín a súa obra Nubinete e ou Paraugas Dameaugas; este espectáculo está aberto a todo o público, sen límite de idade.
Outra contacontos, Giovanni Álvarez, actuará na biblioteca Varela Jácome o luns 29 a partir das 11.30 horas. Contará tres historias e o espectáculo está destinado a nenos de 4 a 10 anos. O martes 30 de decembro e o venres 3 de xaneiro celebrarase a actividade Bibliotecario por un día, dirixida a nenos de entre 6 e 11 anos de idade. Neste caso, é necesario anotarse previamente, aínda que Maribel Calviño recomenda facelo tamén para reservar sitio nas demais actividades programadas.
Por último, a través da páxina web da biblioteca poderá accederse á rede europea Naple Sister Libraries, da que forma parte, e ver actividades doutros centros. Así mesmo, durante todo decembro continuará a exposición sobre a ruta xacobea Camiño de Inverno.
Museo, bandas e cemiterio
María Álvarez, pola súa banda, convidou á cidadanía a participar no tres últimas actividades programadas en novembro: O 25º aniversario do museo municipal, que inclúe hoxe (20.30) unha charla do profesor José Ángel Docobo e unha exposición sobre Ramón Aller; a conferencia de mañá (12.00, sala de prensa do concello) sobre os cen anos do cemiterio vello, a cargo do historiador Antonio Vidal Neira; e, tamén mañá (20.30, auditorio), a exposición sobre as bandas e o posterior concerto de Santa Cecilia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario