xoves, 13 de novembro de 2014

A feira científica Galiciencia contará este ano con estudantes de Primaria

Será a vindeira semana, do 19 ao 21 de novembro, na Tecnópole de Ourense (San Cibrao das Viñas) onde teña lugar a celebración da novena edición da Galiciencia, a feira científica de Galicia que este ano trae novidades. Entre elas: a ampliación do horario para acoller máis actividades e a participación de equipos formados por alumnos de Primaria, o que eleva o número de proxectos expostos a 64, o maior até a data. Cómpre dicir que a Galiciencia se atopa inserida na Semana da Ciencia en España por medio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.
E indo ao miolo do evento, a entidade organizadora (Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia) acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que os equipos participantes (estudantes de toda Galicia, agás catro grupos de Cataluña) amosarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias. Este ano amplíase o horario da exposición de proxectos en dúas horas: de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.
Amais de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán varios equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, e un equipo que preparou o seu proxecto durante o campamento tecnolóxico de verán (T2W) organizado pola Tecnópole o pasado mes de xullo. Os alumnos e alumnas de Primaria, que se suman este ano ao evento, expoñerán os seus proxectos nunha sección especial en dúas quendas: dez equipos o mércores e outros dez o xoves.
Ademais, a Fundación Barrié achegará unha charla para que os docentes coñezan a iniciativa educaCiencia e levará á Tecnópole a exposición de fotografía InvestigArte.
En canto ás actividades parellas á Galiciencia, haberá unha exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España a través de varios obradoiros encamiñados a diferentes idades.
Alén disto, realizaranse actividades de planetario e robótica Lego para os máis pequenos e un obradoiro de tecnoloxías punteiras para os maiores, xunto cunha charla sobre a relación entre a ciencia e a música que poderá seguirse en liña desde calquera centro educativo de Galicia.
Segundo explica a Tecnópole, Galiciencia 2014 contará cun equipo de reporteiros audiovisuais (participantes na feira) que gravarán todo o que aconteza para editar o vídeo oficial do evento. O certame volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas (estudantes adestrados como reporteiros) para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.
Durante a clausura, amais da entrega de premios aos mellores proxectos por categorías, darase a coñecer tamén o gañador do concurso de fotografía científica convocado no marco deste certame.

Ningún comentario:

Publicar un comentario