mércores, 19 de novembro de 2014

A maior institución académica de EEUU recoñece o galego

O 13 de novembro de 2014 a Modern Language Association (MLA), a través da súa Directora Executiva, Rosemary G. Feal, fixo pública a aprobación definitiva do Foro Galician Language, Literature and Culture (LLC), no seo da súa organización, destacando así mesmo que "the creation of a forum on Galician studies represents an important addition to the MLA forum structure". Con esta decisión, a lingua, literatura e cultura galegas intégranse no organigrama da MLA, en pé de igualdade coas demais linguas, literaturas e culturas do mundo.
Culmínase deste xeito un proceso iniciado en maio de 2013 coa posta en marcha dunha campaña a grande escala destinada a conseguir apoios para a creación deste foro na Modern Language Association, a maior corporación académica do mundo, en particular no ámbito das linguas, literaturas e culturas. Nos Estados Unidos e Canadá, a MLA establece estándares para a investigación, organiza un congreso anual de todas as disciplinas dentro do campo das linguas, literaturas e culturas, fornece os recursos para realizar entrevistas de traballo neses mesmos eidos e, en xeral, é aceptada como a corporación que valida e recoñece os estándares académicos neste país e, en boa medida, internacionalmente.
Como organización de referencia, a creación dun foro de calquera cultura, lingua e literatura adicional recoñecida pola MLA precisa dun rigoroso, exhaustivo e protocolizado proceso que debe pasar diversas e moi esixentes instancias e filtros burocráticos, académicos e organizativos, antes de poder ser emitido o ditame favorable que permite crear ese novo foro. Previamente, un número substancial de socios (profesores e investigadores) da MLA deben solicitar a súa aprobación. O foro MLA Galician Studies foi nesta revisión de programas, realizada no bienio 2013-14, o que máis adhesións recibiu, con diferenza, de todos os solicitados (algún dos cales foi denegado).
Da MLA formaban xa parte as principais linguas do mundo, así como tamén un grupo selecto de linguas, culturas e literaturas minorizadas, entre as que se encontran a catalá, a escocesa ou a yiddish, entre outras.
A lingua, literatura e cultura galegas entran así a formar parte deste exclusivo club mundial como resultado, primeiro dunha campaña apoiada por máis de 300 profesores e investigadores de todo o mundo, na súa maioría pertencentes a universidades norteamericanas, pero tamén doutros países de fala inglesa, e mesmo de Galicia, Portugal, Brasil, España, Arxentina, etc.
O comité executivo proposto, e agora aceptado por MLA, constituído por socios da mesma e que foron tamén autores da proposta, está formado por: Kirsty Hooper (Univ. Warwick, UK), Eugenia Romero (Ohio State University, USA), Obdulia Castro (Regis College, USA) e Gabriel Rei-Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee, USA). Na elaboración da proposta participou igualmente Benita Sampedro (Universidade Hofstra, USA), José María Rodríguez García (Duke University, USA) e Miguel González Abellás (Universidade Washburn, USA).
A partir do 13 de novembro, data en que se recibiu a carta da Directora Executiva da MLA, a lingua, literatura e cultura galegas forman parte xa da asociación con plenos dereitos.
Con todo, a primeira edición do Congreso Anual da MLA en que se celebrarán sesións regulares sobre estudos galegos chegará en xaneiro de 2016 (en Austin, Texas), onde dúas sesións serán dedicadas á nosa lingua, literatura e cultura.
Máis información en Galicia Confidencial e Praza Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario