martes, 11 de novembro de 2014

Só un 6% acaba traballando naquilo co que soñou cando era neno

Só un seis por cento das persoas terminan traballando no que soñaron de nenos, segundo un estudo da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) xunto á London School of Economics que analiza os procesos que inflúen na formación das aspiracións ocupacionais dos preadolescentes.
De acordo coa investigación, na elección interveñen, entre outros factores, os estudos dos pais ou a propia autoestima, o que provoca que as fillas que teñen proxenitores con carreiras universitarias tenden a aspirar á cúspide da xerarquía ocupacional; ou que os nenos cun nivel de autoestima máis alto son os que aspiran a ocupacións menos típicas do seu sexo.
O estudo afirma que os nenos que aspiran a profesións consideradas "típicas do seu sexo" teñen o dobre de posibilidades de terminar desempeñando algunha delas na idade adulta.
Para extraer estas conclusións, o estudo analiza dous factores decisivos: aqueles que teñen que ver coas características da contorna familiar dos nenos, as ocupacións dos pais e a distribución de roles de sexo dentro do fogar; e a psicoloxía deses nenos, en particular o seu grao de motivación na escola e a súa autoestima.
O comportamento dos pais ante as tarefas do fogar inflúe en como aprenden os nenos os roles que resultan máis apropiados para cada sexo.
Nas familias cunha repartición moi tradicional das tarefas domésticas, os nenos aspiran a profesións habitualmente masculinas.
Con todo, esta conclusión non é aplicable ao sexo feminino, xa que as nenas procedentes de familias igualmente tradicionais na distribución de roles non eran máis proclives a desexar traballos típicos do seu sexo.
Outra evidencia que atopou a investigación é que os recursos socioeconómicos dos pais afectan á ambición profesional dos nenos.
As fillas que teñen pais con estudos universitarios tenden a aspirar á cúspide da xerarquía ocupacional (directivas, managers...), ocupacións "onde existen menos mulleres e, xa que logo, son menos típicas do seu sexo".
En canto aos fillos con pais universitarios, o profesor da UC3M Javier Polavieja, que publicou o estudo na revista Social Forces xunto con Lucinda Platt, profesora de Política Social e Sociología na London School of Economics, sinalou que "teñen ocupacións menos habituais que aquelas desempeñadas por outros membros do seu sexo". "Probablemente a educación dos pais leva un tipo de valores máis igualitarios que os nenos aprenden en casa", apuntou.
Respecto da autoestima, o sociólogo Javier Polavieja asegurou que "ten unha importancia moi alta, sobre todo no caso dos nenos", xa que elixen profesións menos típicas para o seu sexo "porque teñen maior capacidade para ir en contra das normas de xénero".
Para desenvolver este estudo, os investigadores analizaron as aspiracións profesionais de nenos de ambos os sexos con idades comprendidas entre 11 e 15 anos.
Os datos que utilizaron, obtidos do British Household Panel Survey, corresponden a unha mostra de 1.693 nenos e 1.667 nenas, que foron enquisados repetidamente desde a infancia ata os seus primeiros traballos significativos como adultos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario